Os datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que febreiro reduce a creación de empresas na Galiza na comparativa interanual e as que se crean son, na súa maioría, pequenos comercios. Malia a destrución do traballo autónomo feminino hai novas incorporacións e outras resisten renovándose.
A debilidade da economía galega e o seu estancamento nos primeiros meses deste 2020 conta cun dato máis que deu a coñecer onte o Instituto Galego de Estatística (IGE): no mes de febreiro, constituíronse na Galiza 388 sociedades mercantís, 62 máis que en xaneiro, mais 15 menos que no mesmo mes do ano pasado. Estas cifras sinalan a mesma tendencia que seguiu 2019, o terceiro exercicio consecutivo de diminución de compañías constituídas desde que en 2016 se acadaron as 4.533.
As comarcas da Coruña e Pontevedra rexistraron o maior número de constitucións, 46,13% das sociedades mercantís no primeiro caso e 34,54% no segundo. Pola súa banda, 9,79% das novas empresas fixou a súa sede nas de Lugo e outro 9,54% nas de Ourense. Case todas as empresas constituídas no segundo mes do ano no país adoptaron a forma de sociedades de responsabilidade limitada. Así mesmo, 74,64% das persoas socias son homes. En canto ao tamaño, son, por regra xeral, moi pequenas. Segundo o IGE 76,03% das sociedades constituídas foron creadas por unha única fundadora. O capital medio subscrito ascendeu a 58.779 euros por sociedade.
Por outra banda, en febreiro de 2020 disolvéronse na Galiza 180 sociedades mercantís, 34 menos que o mes anterior e 19 menos que no mesmo mes do ano pasado. Ademais, 29 empresas reduciron o seu capital social e rexistráronse tres procesos de fusión e dúas de escisión.
A creación de empresas no mes de febreiro estivo liderada polo comercio (20,62%), seguidas polas de hostalaría (19,07%), a construción (18,04%) e en último lugar as de industria e enerxía (8,76%).
Muller, emprendedora e no pequeno comercio
O pequeno comercio segue a ser considerado unha saída laboral malia que a situación actual non sexa a mellor. Hai un perfil que destaca e resiste neste ramo na Galiza: muller de mediana idade e responsábel do seu negocio.
Un exemplo témolo en Magdalena, propietaria dunha mercería en Compostela que relata a Nós Diario que hai un ano decidiu facerse autónoma “por primeira vez” e rexentar o seu propio negocio. “Levo 27 anos traballando atrás dun mostrador, sempre por conta allea, eramos seis traballadoras e rematamos dúas… non daba para máis”, explica. Acceder a ter “empresa propia” non é moi complicado pola redución de trámites administrativos. Magdalena relata que o problema é acceder ás poucas axudas que hai que si teñen unha tramitación máis complexa. “Eu non pasei de solicitar a de acceso por ser autónoma, muller e maior de 50 anos”, confesa. Outro atranco está na conciliación familiar. “Non podería estar aquí se non fose porque o meu fillo xa é maior, hai dez anos para min sería impensábel dar o paso”.
Sobrevivir no pequeno comercio
Galiza lidera a perda de autónomas a nivel estatal na última década. Segundo datos da Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA), 2019 rexistrou un descenso de 9,4%, é dicir, 8.972 mulleres autónomas menos que hai 10 anos. A perda no colectivo masculino nese mesmo período foi de 7.485 autónomos menos. Continuar co paso dos anos é, daquela, case unha heroicidade.
Cristina pertence á terceira xeración que leva un pequeno comercio na zona histórica de Compostela que pasou por varios contratempos nos seus 107 anos de existencia para rematar como bazar. Agora está a piques de pechar por uns meses para adaptar o estabelecemento e seguir con novos folgos. “É importante actualizarse e este local precisaba unha restauración”, asegura a Nós Diario, “seguiremos, mais actualizándonos para ofertar produtos de máis calidade”. No seu caso, como no de Magdalena, as vendas baixaron en relación a outros anos. Coinciden en apuntar que o pequeno comercio ten dificultades para loitar contra a venda de produtos por internet e contra a presenza das grandes superficies.