Renfe recorta servizos e deixa a centos de galegas sen transporte ferroviario para acudir aos seus postos de traballo
A supresión do tren-hotel é un capítulo máis na lista de agravios ferroviarios que sofre Galiza. Unha situación que podería ter sido ben diferente se o país contase cun ente ferroviario propio.
A crise da COVID-19 é a escusa esgrimida por Renfe para recortar servizos. Coa entrada en Fase 2, moitas galegas comezaron a regresar aos seus postos físicos de traballo, entre elas centos de funcionarias da administración en Compostela ás que as frecuencias actuais dos trens Avant, rexionais e media distancia non lles permiten chegar en hora ou obrígalles a facelo con demasiado tempo de antelación.
Non son poucas as empregadas públicas e de empresas privadas que estes días tiveron que optar por desprazarse en vehículo particular ou negociar coa empresa para poder teletraballar desde a casa por non poder empregar o tren, que é o seu medio de transporte habitual.
O problema e que os trens que operan na Galiza non realizan traxectos dentro da mesma provincia, con contadas excepcións, como o tren que enlaza A Coruña con Ferrol, un dos máis lentos de todo o Estado español, ou o Feve (ferrocarril de vía estreita) que une Ferrol con Ortigueira.
Na fase actual, na que os movementos entre provincias non xustificados non están permitidos, é imposíbel garantir ocupacións semellantes as que tiñan antes da crise derivada da pandemia da COVID-19. É de supoñer que se o vindeiro día 8, como indicou Feixoo, Galiza recupera o mando da situación e elimina esta restrición, Renfe responderá con máis frecuencias que fagan posíbel a mobilidade das traballadoras.
Promesas incumpridas
Foi alá por 2009 cando o entón conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do primeiro Executivo de Feixoo, Agustín Hernández, garantiu a creación dun ente ferroviario galego que se encargaría, entre outras cuestións, de xestionar as liñas de metro lixeiro metropolitano da Coruña, Vigo e Santiago, para as que comprometía un investimento de 12,4 millóns de euros.
O ente nunca se chegou a crear, ao igual que a xefatura de proximidade para Galiza, que era o paso previo ao traspaso por parte do Ministerio de Fomento dos servizos de proximidade. De feito, Galiza é dos poucos territorios que non contan con este servizo. Asturias, con menos poboación, dispón de tres liñas, ás que hai que sumar os servizos de Feve.
Igual que aconteceu coa autoestrada AP-9, onde o consenso entre as formacións do Parlamento non bastou para que o Goberno do PP en Madrid accedese ao traspaso efectivo da súa titularidade, as demandas para a creación dun ente ferroviario propio na Galiza caeron en saco roto pese a contar entón co apoio dos tres partidos con representación parlamentaria (PPdeG, PSdeG e BNG).
O ente ferroviario propio permitiría realizar traxectos máis curtos con máis frecuencias, por exemplo entre A Coruña e Compostela ou entre Vilagarcía e Vigo, que poderían verse complementados cos actuais servizos de media distancia entre A Coruña e Vigo, e os Avant entre Coruña e Ourense.
Adeus ao tren-hotel
No seu lugar, Renfe recorta servizos. Hai uns días, anunciaba que non tiña pensado retomar no curto prazo os servizos nocturnos entre Galiza e Madrid e Barcelona unha vez se levante o estado de alarma. Apela a motivos económicos, en concreto a unhas perdas anuais de 25 millóns de euros pola prestación do servicio de ‘tren-hotel’.
De feito, o BNG, que ven de exixir no Congreso das Deputadas a recuperación “de forma inmediata” do servizo, xa se fixera eco o pasado mes de outubro das críticas das usuarias cando Renfe anunciara que pretendía rebaixar a calidade do servicio co cambio dos coches do tren-hotel por Talgos máis vellos, o que suporía “máis atrasos e deficiencias nos traxectos”.
Coa libreralización do servizo ferroviario, Galiza ten unha oportunidade para dar entrada a novos operadores que fagan máis competitivo o servizo. O problema é que as decisións seguirán chegando de fóra mentres as competencias non estean no país.