A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, está a ultimar a posta en marcha da nova Rede Galega de Preparación para a Reutilización e Reparación (PxR), unha iniciativa que busca constituír na comunidade un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias que permita o desenvolvemento de proxectos colaborativos dirixidos á preparación para a reutilización co fin de fomentar a prevención da xeración de residuos.
Con este obxectivo e coincidindo coas actividades programadas estes días pola Consellería con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, hoxe abriuse oficialmente a convocatoria de inscrición a todos aqueles axentes interesados en Galicia en participar en proxectos de preparación para a reutilización e reparación no territorio galego, así como en colaborar na difusión deste tipo de prácticas desde o ámbito empresarial, educativo, social ou institucional, co reto de contribuír á transición cara a un modelo de economía circular na comunidade que supere e substitúa o actual sistema de consumo lineal.
As inscricións poderán realizarse a través da web mellorrepararquetirar ata o próximo 5 de decembro, e todas as entidades interesadas en formar parte e integrarse neste movemento colaborativo participarán na reunión preparatoria que se prevé celebrar o 11 de decembro en Santiago e que servirá de lanzamento oficial da Rede Galega PxR.
Ao longo de 2019, en todo caso, a Consellería de Medio Ambiente xa estivo a desenvolver diversas actuacións baseadas no fomento das boas prácticas neste ámbito. Entre elas, cómpre subliñar a creación dunha base de datos de experiencias e proxectos de preparación para a reutilización e reparación, así como dos axentes (públicos e privados) vinculados a este tipo de accións en Galicia.
Máis recentemente, o pasado mes de outubro, púxose en marcha unha proba piloto no Concello de Valga, consistente na apertura dentro do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) dun espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación de talleres formativos e de sensibilización para a cidadanía.
Así mesmo, ao longo do ano tamén se habilitou un espazo transversal de debate e colaboración para facilitar o intercambio de coñecemento en preparación para a reutilización e reparación, a través do fomento do traballo en rede de distintos grupos de interese.
Todo este programa de actuacións vén de completarse coa habilitación desde hoxe dunha nova páxina web para dotar dun entorno virtual de soporte ao conxunto do proxecto, o deseño dun logotipo identificador da Rede Galega PxR, e a apertura do período para poder inscribirse e participar como membro activo desta nova comunidade. O obxectivo final é impulsar a colaboración entre distintos tipos de entidades e a Administración autonómica para intercambiar experiencias, desenvolver proxectos colaborativos, detectar necesidades e, en suma, abrir un debate multilateral para a efectiva creación dunha rede de entidades e establecementos implicados na preparación para a reutilización e reparación en toda Galicia.
Un proxecto incluído no PXRUG
Este proxecto está enmarcado dentro do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2022, que desenvolve un programa de accións coa finalidade de mellorar a xestión dos residuos domésticos e avanzar cara ao modelo de economía circular. Entre os eixos de actuacións deste programa, as iniciativas encamiñadas cara á prevención na xeración de residuos teñen un carácter preferente.
Con este programa de accións, o departamento autonómico dotará ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva comunitaria Marco de Residuos.
De acordo con esta modificación, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020 sumaranse tamén outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 2030 e do 65% en 2035. Ademais, nesta modificación da Directiva Marco de Residuos, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.
Semana europea
Cómpre lembrar que a Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra do 16 ao 24 de novembro, é unha iniciativa impulsada polas autoridades comunitarias cuxo obxectivo consiste en promover e implantar durante unha semana accións de sensibilización sobre recursos sustentables e xestión de residuos, animando a participar a un amplo abano de público (autoridades públicas, entidades privadas, sociedade civil e cidadáns en xeral). O lema escollido para este ano 2019 é Cambia os teus hábitos, reduce os teus residuos!.