Galicia estará presente na 40ª edición de Fitur, a Feira Internacional do Turismo que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, a través dun novo stand centrado no Xacobeo 21 que permitirá recrear o Camiño de Santiago mediante un percorrido sensorial inmersivo. Avanzárono hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación da programación de Galicia neste certame.
En concreto, o expositor da nosa Comunidade terá unha superficie de 967 metros cadrados e estará centrado nas particulares de Galicia como destino turístico, en especial, no Camiño de Santiago na antesala do Xacobeo 21. Neste sentido, entre as novidades deste ano destaca a presenza dun túnel do Camiño deseñado para trasladar os valores culturais e emocionais da Ruta Xacobea a través de sons, imaxes ou vídeos. O stand tamén disporá dun mapa interactivo cos dez itinerarios e un probador virtual con vestimentas e complementos propios dos peregrinos.
Elementos da cultura galega
Estes recursos recrearán algúns momentos icónicos da peregrinación a Santiago, como a chegada á praza do Obradoiro. Do mesmo xeito, tamén estarán presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional galego, que viste parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións.
O expositor buscará en todo momento a interacción cos visitantes a través de recursos como o espazo Galicia Soa, que recrearán os sons representativos da nosa Comunidade; a zona Sesión Vermú Galicia, para degustar vermús elaborados con produtos da nosa terra, así como un apartado de degustación atendido por profesores e alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia, entre outras áreas. No stand tamén terá unha importante presenza o sector turístico, a través dun espazo que servirá de plataforma para favorecer as relacións comerciais dos profesionais representados polo Clúster Turismo de Galicia.
En paralelo, realizarase un obradoiro en vivo co obxectivo de elaborar complementos tradicionais e icónicos en prata, madeira, coiro e outros materiais. O expositor contará coa presenza de persoeiros representativos dos Entroidos e, durante a fin de semana, actuacións musicais de raíz galega a cargo do dúo Vudú.
Modelo turístico sustentable e de calidade
Ademais, o espazo de Galicia en Fitur contará con máis de 16 espazos divulgativos e de información nos que estarán representados os principais elementos que caracterizan á nosa Comunidade como destino turístico. Así pois, haberá un área dedicado ás catro provincias, ás sede cidades e aos distintos xeodestinos. Do mesmo xeito, terán unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Ferrol da Ilustración, así como outros elementos destacados do turismo da nosa Comunidade como o Entroido, o turismo rural, o turismo activo ou deportes como o surf, o golf ou o mergullo.
Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo precisou que o expositor de Galicia en Fitur exercerá “como un escaparate do modelo turístico galego, un modelo sustentable e baseado na calidade”.
Máis de 40 presentacións
En paralelo, Román Rodríguez explicou que o expositor de Galicia en Fitur acollerá máis de 40 presentacións organizadas pola Xunta e polas diferentes entidades que así o solicitaron. Entre as máis salientables atópase a presentación do Xacobeo 2021 na xornada do mércores, a da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade ou Galicia destino surf, que porá en valor as condicións da nosa Comunidade para a práctica deste deporte, cada vez máis en auxe.
Na xornada do xoves terá lugar a presentación da estratexia Galicia Sabe, centrada en facer da nosa Comunidade un destino enogastronómico de referencia; Galicia MICE, en torno ao turismo de congresos, seminarios ou convencións, unha actividade que atrae un turismo de alto valor engadido e cunha alta capacidade desestacionalizadora. Nesta mesma xornada presentaranse produtos turísticos xa consolidados como as novidades da nova edición dos Trens Turísticos ou da Waoh Route!, a primeira ruta atlántica de turismo de mergullo. Na terceira xornada da feira, que terá lugar o venres, desenvolveranse presentacións centradas na Semana Santa en Galicia, nos Entroidos galegos ou nas etapas galegas de La Vuelta.
Boas perspectivas do sector turístico
Román Rodríguez amosouse convencido de que esta nova edición de Fitur permitirá consolidar Galicia como exemplo dun turismo sustentable e de calidade. Destacou ademais que este evento marca o comezo da actividade promocional turística da Xunta, unha actividade “frutífera” que se viu reflectida no incremento do número de viaxeiros e pernoitas rexistrado en 2019. Neste sentido, explicou que á espera de coñecer os datos do mes de decembro para poder facer un balance definitivo, a nosa Comunidade experimentou unha suba do 6%.
Unha actividade promocional “efectiva”
Neste sentido, a directora da Axencia Turismo de Galicia resaltou que esta feira supón o tiro de saída da actividade promocional da Xunta neste 2020. Precisamente, Nava Castro lembrou a acción “efectiva” do Goberno galego neste eido, tal e como reflicte o balance presentado onte no Consello da Xunta, que recolle que o Executivo autonómico promoveu o pasado ano máis dun cento de accións en máis dunha trintena de países.
Esta acción, puntualizou, tivo unha repercusión directa nos datos turísticos da Comunidade, especialmente no que se refire ao turismo estranxeiro, que se duplicou na última década pasando dos de máis de 700.000 turistas internacionais no 2009 aos 1,4 millóns que chegaron a Galicia ata o pasado mes de novembro.