Descende un 0,2 % o mes pasado // En decembro había un total de 165.308 parados rexistrados (71.666 homes E 93.642 mulleres), dos que algo máis de 10.300 eran traballadores estranxeiros
O número de parados rexistrados en Galicia durante o mes de decembro pasado caeu nun 0,21 %, con 351 persoas menos; mentres que, en termos de variación anual, hai 3.987 parados rexistrados menos que hai un ano (un descenso do 2,36 %).
Así se reflicte nos datos de paro rexistrado dados a coñecer este venres polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, que reflicten que, a nivel nacional, o paro reduciuse en 34.579 persoas en decembro, e que a redución interanual foi de 38.962 parados menos.
No caso de Galicia, en decembro había un total de 165.308 parados rexistrados (71.666 homes E 93.642 mulleres), dos que algo máis de 10.300 eran traballadores estranxeiros. Por provincias, todas experimentan descensos no número de parados rexistrados, e o maior número destes demandantes de emprego está na Coruña (65.747) e Pontevedra (65.004), seguidas por Ourense, con 18.359 parados rexistrados, e Lugo, con 16.198 parados rexistrados.
Por actividade, o maior número de parados rexistrados concéntrao o sector servizos (112.979), seguido pola industria (18.579 parados) e a construción (14.085). O número de parados rexistrados do colectivo sen emprego anterior ascende a 13.373 persoas, e outras 6.292 correspóndense á actividade de agricultura.
Con respecto á variación, o paro rexistrado aumentou en todas as actividades, excepto no sector servizos e no colectivo sen emprego anterior.
CONTRATACIÓN
En canto á contratación, os datos do Ministerio evidencian que, en decembro de 2019, rexistráronse en Galicia 77.798 contratos. Estas cifras supoñen un aumento do 2,07 % no número de contratos con respecto ao mes anterior, e un aumento do 7,68 % en termos interanuais.
Con todo, o número de contratos indefinidos caeu un 13,96 % con respecto ao mes de novembro (e un 8,86 % en termos interanuais), e só 5.676 dos contratos formalizados en decembro foron deste tipo.
Por provincias, na Coruña rexistráronse 33.076 contratos, en Pontevedra rexistráronse 30.643, en Lugo rexistráronse 8.108, e en Ourense rexistráronse 5971 contratos.
Finalmente, con respecto aos beneficiarios de prestacións por desemprego, en Galicia suman 91.735 persoas. A maior parte destes beneficiarios están na provincia da Coruña (36.105), seguida de Pontevedra (35.879), Ourense (10.072) e Lugo (9.679). A contía media das prestacións en Galicia é de 814,7 euros ao mes, fronte á media nacional, de 846,9 euros mensuais.