O Goberno galego defende, xunto con Asturias, Cantabria e Euskadi, que se teña en conta o carácter “diferencial” da área.
Os principais sindicatos agrarios en Galicia (Unións Agrarias e Sindicato Labrego) pediron este venres ao ministro de Agricultura, Luís Planas, que a comunidade galega non sexa discriminada na repartición da nova Política Agrícola Común (PAC) ata 2027.
O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, alertou de que as explotacións lácteas e familiares de Galicia serán “as grandes prexudicadas” da reforma da PAC –actualmente o Ministerio elabora o plan estratéxico–, polo que pide que se teñan en conta as “especificidades” da comunidade.
E é que avisa de que Galicia é a comunidade con menos hectáreas admisibles para a repartición de axudas, á vez que pide priorizar ás pequenas explotacións. García tamén chama a que a desaparición de dereitos históricos se alongue no tempo para unha transición moderada, á vez que advirte de que a nova xestión de residuos agrarios e xurros pode supón unha reconversión “brutal” e “moi custosa” en granxas de montaña.
Xunto a isto, o líder de UU.AA. tamén pediu ao ministro que vele polos produtores lácteos antes do inicio da negociación dos contratos para o próximo ano. Insta a que se habiliten ferramentas “coercitivas” e de mediación reais para que non haxa negociacións “fraudulentas” de imposición de prezos a gandeiros. Nesta liña, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, denunciou ante Planas os criterios de repartición a actuais con base ao número de hectáreas, que converten a Galicia en “a gran discriminada do Estado”.
Pon o foco sobre que Galicia é a única autonomía con máis cotizantes na Seguridade Social agraria que perceptores da PAC. E é que os produtores galegos son os que menos axudas da política común europea perciben, cunha media de 2.590 euros fronte aos 4.000 euros da media estatal. Por tal motivo, reclama que se cambien os criterios de repartición, de forma que se prioricen cuestións como o número de postos de traballo xerados por cada hectárea agraria. Unha necesidade de repartición equitativa que se acentúa coa situación da covid.
Xunto a isto, Isabel Vilalba requiriu unha lei de cadea alimentaria máis eficaz, á vez que empraza a que o decreto de xurros persiga ás producións intensivas que “realmente contaminan” e non aos pequenos produtores. Neste encontro en Santiago tamén participaron o conselleiro de Medio Rural, José González; o director xeral de Producións e Mercados Agrarios, Fernado Miranda; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.