Especialistas en medicina preventiva rexeitan que se mida a febre en comercios e centros de traballo pola COVID-19

Desde a Sociedade española de medicina preventiva consideran que a toma de temperatura por parte de estabelecementos non sanitarios non é unha maneira “óptima” para detectar o coronavirus e apuntan a unha vulneración dos dereitos das persoas.

A Sociedade española de medicina preventiva, saúde pública e hixiene (Sempsph) maniféstase contraria a respecto da toma de temperatura por parte de comercios, centros de traballo e outros estabelecementos non sanitarios ao considerar que non é unha proba “óptima” para detectar casos de COVID-19.

A asociación de preventivistas salienta que a Axencia española de protección de datos xa expresou “a súa preocupación por este tipo de actuacións, que supoñen unha inxerencia particularmente intensa nos dereitos das afectadas e que se están realizando sen o criterio previo das autoridades sanitarias” no inicio do desconfinamento

Nun comunicado, as especialistas salientan que a medición da temperatura corporal “non se considera unha proba óptima para detectar casos de enfermidade” pois “case un 30% dos casos de COVID-19 en España, até o 7 de maio de 2020, non cursaron febre”.

Así mesmo, apuntan que “de estar presente esta febre, pode facelo de forma intermitente, podendo pasar inadvertida no momento do control” e mesmo pode que non haxa febre “no momento da medición pola toma de antitérmicos”.

Por outra banda, aclaran que “a temperatura elevada pode deberse ao efecto de determinados medicamentos”, para engadir que isto “forma parte da historia persoal” e “non ten por que ser coñecido polas empresarias”.

Desde a Sempsph non recomendan a “medición da temperatura ou calquera outro parámetro biolóxico” que se leve a cabo “de forma sistemática por parte de estabelecementos non sanitarios sen o aval das autoridades sanitarias competentes”.

Uso de luvas

Da mesma maneira, a Sociedade española de medicina preventiva rexeita o uso de luvas na poboación xeral, como xa sinalaron na Organización Mundial da Saúde, “xa que non achega unha protección adicional a respecto da hixiene de mans e mesmo pode incrementar as posibilidades de transmisión do virus entre persoas ou a partir de superficies potencialmente contaminadas”.

No seu comunicado destacan que as luvas “non se empregan correctamente” e inciden en que “son tan susceptíbeis de contaminarse como a pel”, así como en que “quitalos sen contaminarse as mans non é sinxelo, polo que require dunha técnica específica”.

As preventivistas recomendan “a non utilización de luvas na poboación xeral durante a súa actividade diaria habitual”. Apostan por non obrigar a empregar luvas “á entrada dos estabelecementos” e por substituír esta medida pola “hixiene de mans á entrada e saída dos mesmos”.

Vía:https://www.nosdiario.gal