Galicia perdeu dous mil autónomos en 2019

Este dato sitúaa como quinta autonomía que máis traballadores por conta propia perdeu.

Galicia perdeu un total de 1.999 autónomos en 2019, o que deixa no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) 209.287 afiliados ao pechar o ano. Esta cifra é inferior á rexistrada a finais de 2018, cando había 211.287 autónomos. O descenso é do 0,9% e este dato sitúa a Galicia como a quinta autonomía que máis autónomos perdeu en 2019, xunto con País Vasco que se viu igualmente afectada.

Comercio

Comercio | Fonte: Europa Press

En total, foron nove as comunidades do Estado que sufriron a caída do número de autónomos, segundo se despremde dun estudo realizado pola Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) a partir de datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Os outros territorios que viron diminuída a cifra de autónomos foron Aragón (-2,7%), A Rioxa (-2%), Asturias (-1,4%), Castela e León e Navarra (-1,3% en ambos os casos), Cantabria (-0,5%) e Cataluña (-0,3%). En Castela-A Mancha perdéronse cinco autónomos con respecto ao ano pasado, ademais de rexistrarse caídas en Ceuta e Melilla.

Pola contra, rexistráronse subas en Canarias (+2,9%), Andalucía (+2,2%), Baleares (+1,8%), Madrid (+1,4%), Murcia (+1,2%), Comunidade Valenciana (+1,1%) e Estremadura (+0,2%). Destaca o incremento rexistrado en Andalucía en termos absolutos (11.463), que supón o 79,4% do incremento estatal.

Vía:http://www.galiciaconfidencial.com