O Parlamento de Galicia acordou instar á Xunta a adoptar as medidas necesarias para reorientar a economía galega cara a un novo modelo de crecemento, “acelerando o paso cara a unha economía verde, con alto contido tecnolóxico e xeradora de novas fontes de emprego”.
Investigación en nanotecnoloxía.
A proposición non de lei, que foi aprobada con modificacións do texto inicial, foi defendida pola deputada do Grupo Común da Esquerda, Julia Torregrosa, na Comisión de Economía, Facenda e Orzamento e contou co voto favorable dos representantes do PPdeG, PSdeG e BNG presentes. Pola súa banda, o Grupo Mixto (En Marea) xustificou a súa ausencia do órgano.
A iniciativa, así mesmo, empraza á Administración autonómica a facer efectivas as recomendacións recollidas na memoria de 2018 do Consello Económico e Social (CES) de Galicia ante “a desaceleración experimentada” no exercicio do 2018 e de cara a “avanzar na redución da taxa de desemprego, na mellora das condicións de traballo e na corrección da desigualdade crecente”.
Ademais, o texto aprobado indica que as medidas que se adopten deben “velar e impulsar unha transición ordenada e xusta, que non deixe atrás a ninguén, solicitando ao Goberno de España que asuma esta prioridade” e “demande os fondos necesarios para levala a cabo”.
PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO COMÚN
Por outra banda, a Cámara galega tamén aprobou co apoio dos grupos
presentes outra proposición non de lei, neste caso dos socialistas
galegos, tal e como informou o Lexislativo galego.
O texto aprobado pide instar o Goberno galego “a pór en marcha todos os
recursos, humanos e materiais necesarios para cumprir rigorosamente co
procedemento administrativo común, por mandato legal establecido na Lei
29/2015”.
Por último, na sesión designouse o relatorio que presentará ante o Congreso dos Deputados a proposición de lei de modificación do imposto sobre o valor engadido, que formarán Jackeline Fernández (PP), María Teresa Porrit (PSOE), Julia Torregrosa (Común da Esquerda), Noa Presas (BNG) e Paula Vázquez Verao (Grupo Mixto).
Vía:https://www.galiciaconfidencial.com