Desigual consumo de luz e datos polo coronavirus

Co parón das empresas, a demanda de enerxía concéntrase nos fogares, onde non só o teletraballo supón un cambio de hábitos, senón que o confinamento tamén leva aparellado un maior consumo de contidos dixitais. 

Acrise do coronavirus e o estabelecemento de medidas como o confinamento nos fogares está a mudar o comportamento da demanda enerxética e tamén a dos servizos de telecomunicacións. Mentres que o consumo de fogares e empresas parece marcar unha senda á baixa, o consumo de datos na Rede segue a tendencia contraria, en parte como consecuencia do teletraballo, pero tamén do feito de recorrer a Internet para  buscar en que ocupar o tempo, ben sexa con vídeos, música ou facendo uso das diversas plataformas de contidos dixitais. 

Segundo os datos de Rede Eléctrica de España (REE), o operador do sistema eléctrico, a demanda enerxética caeu esta segunda feira 9% en relación aos datos de hai unha semana, o que dá conta do parón da actividade no Estado español após o decreto do estado de alarma para facer fronte ao coronavirus.

O descenso, apuntan desde Rede Eléctrica, xa se comezou a notar a finais da semana pasada, cando as empresas comezaron a apostar no teletraballo e se suspendían as clases nos centros de ensino, pero fíxose máis evidente na primeira xornada laborábel após o decreto. De feito, o operador xa rebaixara as súas previsións de consumo eléctrico para esa xornada, ao pasar dos 33.652 megavatios (MW) de consumo da semana anterior, aos 30.290 MW que prevía para as 10 horas desta segunda feira, hora na que o consumo acadou finalmente os 30.376 MW, o que supón 9,3% por baixo dos 33.506 MW marcados á mesma hora unha semana antes. 

Na Galiza, esa mudanza na demanda tivo as súas consecuencias. Segundo fontes de Endesa consultadas por Nós Diario, a central térmica das Pontes, que tivo operativo un dos seus ciclos de carbón durante a fin de semana, volveuno desacoplar ao comezo da semana e, como apuntan, “non está previsto” que volva a entrar en funcionamento no curto prazo. 

A outra das térmicas galegas, a de Meirama, si que está a producir, ao igual que os ciclos combinados que a empresa Naturgy ten no país. A central situada no concello de Cerceda está a esgotar as últimas toneladas de carbón antes de afrontar o seu feche definitivo, o vindeiro 30 de xuño. Con todo, desde as eléctricas lembran que é Rede Eléctrica a que determina que instalacións entran a producir en cada momento, en función da demanda. 

Das empresas aos fogares

Pero se a enerxía descendeu, é máis polo feche da industria que polo consumo nos fogares, que segue a tendencia contraria. Desde o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións destacan o uso “especialmente intenso” estes días de ferramentas como o teletraballo, as videoconferencias, as aulas virtuais ou as compras ‘online’. 

Nesta liña, os operadores de telecomunicacións detectaron nos últimos días incrementos no tráfico no entorno de 30% nas súas redes e un “forte repunte” das chamadas de voz. Por iso, os cinco principais grupos (Telefónica, Orange, Vodafone, MásMovil e Euskaltel, o dono de R) aconsellan ás usuarias que fagan un uso “racional e responsábel” das redes debido ao incremento de tráfico previsto polas medidas e recomendacións derivadas do brote de coronavirus.

As operadoras aconsellan un uso racional e responsábel das redes de telecomunicacións

Para tratar de responder a esta situación, as operadoras traballan “sen descanso” para dispoñer das mellores infraestruturas de rede. “Os nosos equipos monitorizan constantemente a evolución para xestionala coa máxima eficiencia e, desta forma, garantir a conectividade de todas as persoas”, apuntan desde Vodafone. 

O mesmo fai Orange, que está a ampliar a súa capacidade en sitios onde é especialmente necesario, como no entorno dos hospitais das zonas afectadas, para evitar as conxestións da rede. 

O ‘Whatsapp’ e o ‘Skype’, disparados

Entre os maiores incrementos, desde Telefónica destacan o do ‘gaming’ (xogos) e o Whatsapp, cuns crecementos de tráfico de 271% e 698%, respectivamente na última semana, e que se traducen en consumos de 700 Xigabites por segundo (Gbs) e 381 (Gbs) en cada caso por riba do normal.

O consumo de música e televisión nas diferentes plataforma, o que se coñece como ‘streaming’ tamén experimentou un “grande incremento” na última semana. Case 30% máis, segundo os dato de Orange. No caso de Telefónica, os accesos a Movistar+ creceron 6%, pero o consumo de contidos case un 50%.

Por último, no que atinxe ao teletraballo, Telefónica tamén constatou un maior uso da rede, sobre todo no que se refire ao emprego de ferramentas de traballo remoto como Skype e Webex, que se teñen multiplicado por catro na última semana. Como apuntan, no caso de Webex o pico de crecemento tivo lugar a pasada sexta feira, coincidindo coa incorporación de máis persoas ao teletraballo, mentres que os de Skype e a plataforma de música Spotify se produciron o domingo 15.

Como inciden os enxeñeiros, se o consumo faise con sentidiño, non debería haber maiores complicacións nos vindeiros días.

Vía: https://www.nosdiario.gal