O estado de alarma trouxo canda si o incremento do consumo da Internet. Adolescentes, persoas en situación de ERTE ou sen emprego, xente que non sabe como investir o seu tempo libre, pasan horas diante do ordenador. O consumo indiscriminado pode pasar factura no momento en que o estado de alarma permita volver á vida cotiá.
Día quince de abril de 2020, as once da noite, un adolescente medio colle o seu smartphone e vai con el para o seu cuarto. Dentro comeza a ver vídeos subidos ás novas plataformas como Tik Tok, ou enviados ao seu Whatsapp. Vídeos curtos onde se pode ver aos amigos facendo trasnadas, accidentes absurdos e se cadra tamén ver porno. Así ata as tantas. Tres da mañá, unha persoa baixo ERTE ou cobrando prestación por desemprego, logo de ter enviado algúns currículos, clika na plataforma de TV online de turno e aí poderá ver cantos capítulos queira da súa serie favorita.
Son situacións habituais neste período de corentena e tamén poden ser o reforzo a unha adicción á Internet. O problema non só é a adicción en si, senón que en caso de volvermos á vida anterior ao estado de alerta, pode ser un problema serio para adaptarnos á volta ao traballo ou ás aulas.
HORAS DIANTE DA PANTALLA, PARA QUE?
Alex é programador, traballa desde a casa e di que a media ao día son seis horas diante do ordenador. “Hai tempadas en que che pasan as horas e non caes na conta do tempo que gastaches”. Ademais de programador, tamén crea e edita contidos, outro aspecto que pode facerlle consumir máis horas conectado á rede.
Á parte de Alex, hai moita máis xente que traballa desde a casa grazas ás novas tecnoloxías. O tempo de consumo pode ir desde as oito horas a máis alá das dezaseis nalgúns casos, como os e as traballadoras autónomas. Convérteos isto en adictos? “O tempo por si só non é indicativo de uso problemático” di o psicólogo Manuel Isorna. “O problema está en que facemos con esas horas”.
“Non teño visto xente que quedase enganchada á redes logo de botar horas traballando” di Alex, quen si ten claro que a adicción á Internet “é un problema serio”. O problema serio comeza cando algunhas das persoas que se conectan son xente con algún tipo de carencia ou que busca cubrir necesidades a nivel personalidade.
Supón isto que todos e todas somos persoas potencialmente adictas? “Todo depende do perfil desa persoa” di Isorna. “Pode que teñan máis contactos ou matchs en redes sociais, cando consegues algo así, o teu cerebro libera dopamina cada vez que aumentas os likes”.
DESCONECTAR
“Non coñezo xente que estea completamente enganchada” di Alex. Unha idea moi extendida é que a conexión diaria á rede vai limitando a capacidade de desenvolver habilidades sociais. “Sinceramente, eu non creo que Internet reste habilidades sociais, si que é necesario buscar outras actividades para o tempo libre”.
A reducción de horas que botamos co ordenador é necesaria para retomarmos o día a día das nosas vidas logo do estado de alarma. “O ordenador facilita moitas tarefas, mais creo que si é necesario manter as relacións sociais, consolidalas para cando isto acabe” di Alex, quen entre outros deportes, gusta do sendeirismo.
A cuestión é saber como se podería “desenganchar” de Internet unha persoa que durante o estado de corentena, estivo horas e horas diante do ordenador. “Antes de nada, recoméndase unha anotación de cantas horas están conectadas esas persoas, en que invisten o tempo mentres navegan” explica Manuel Isorna. O motivo disto último é que a persoa se dea conta de que maneira usa o seu tempo coa rede.
“O máis importante é que cando vexan eses datos pasen a facer un uso razonable da rede” di Isorna. Por outra banda, pódense usar interruptores externos para evitar a entrada en determinadas webs, ou bloquealas directamente para que non desvíen a nosa atención do que estamos a facer. Concentrarse no traballo e acabalo no tempo establecido é primordial para non acabar distraído pola cantidade abrumadora de información que nos chega.
“Pódense buscar afeccións como facer deporte dentro da casa, xogos de mesa, a lectura ou mesmo a bricolaxe para pequenos arranxos” di Alex. A idea é irlle restando horas á pantalla para estarmos preparados cando as nosas rutinas interrompidas de maneira abrupta, non nos afecten de maneira tamén abrupta cando as retomemos.
Desescalar coa Internet tamén é moi importante para non vernos afectados de súpeto por unha “síndrome de abstinencia” virtual. Non debemos esquecer que este período rematará e as cousas, pouco a pouco, volverán ao seu ritmo habitual, iso significa deixar atrás algúns hábitos tomados durante a corentena.