Abanca e Sabadell xestionaron operacións avaladas polo ICO por valor de 1.850 millóns
Contar co aval do Instituto de Crédito Oficial (ICO) á hora de solicitar un préstamo é unha oportunidade que moitas empresas e autónomas galegas non puideron deixar pasar, ben por necesidade ou por aproveitar a ocasión para mellorar a liquidez dos seus negocios.
Nas primeiras liñas de avais, que coincidiron cos meses máis duros até o momento da crise sanitaria pola COVID-19, as empresarias acudiron en masa a realizar este tipo de operacións. Como recoñecía esta terza feira Abanca na presentación dos resultados do primeiro trimestre, o número de operacións de crédito avaladas polo ICO xestionadas pola principal entidade por cota de mercado na Galiza ascenderon a 9.469 para pemes e autónomas, cun total de 893 millóns de euros. A estas hai que sumar as de Corporativa, outras 364 operacións por valor de 547 millóns de euros.
Outra das entidades de referencia no país, o Sabadell Gallego, herdeiro do negocio do Banco Gallego, aprobou máis de 1.800 operacións por valor de 405 millóns de euros para dotar de liquidez pemes e autónomas. Entre as dúas suman case 2.000 millóns de euros concedidos en pouco máis de mes e medio. Santander, BBVA e Caixabank confirmaron a Nós Diario que non dispoñen de datos territorializados sobre o número de operacións realizadas.
Nova vaga de avais
O número de millóns concedidos nas operacións avaladas polo ICO seguirá aumentando nos próximos días, xa que o Consello de Ministras aprobou na súa última reunión un terceiro tramo de avais para empresas por importe de 24.500 millóns de euros.
Este terceiro tramo da liña ICO está destinado á concesión de créditos para financiamento cuxo importe total se repartirán pemes e autónomas por unha banda, e empresas por outra.
Como explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello, as entidades bancarias non poderán repercutir ningún custo financeiro nin vinculalos á contratación de ningún outro produto, impedindo así prácticas denunciadas por algunhas usuarias. “Imos suxeitando as liñas a vixilancia e reforzando algunhas cuestións”, apuntou a ministra.
Outro dos puntos que se reforzará é a obriga das firmas beneficiarias dos avais de empregar o financiamento obtido a facer fronte a necesidades de liquidez, como xestión de facturas, pago de nóminas ou a provedores, necesidade de circulante ou vencementos de obrigas financeiras e tributarias. En ningún caso para o pagamento de dividendos.
O único requisito que deben cumprir as empresas solicitantes para acceder a estas garantías é o de non estar en situación de morosidade a 31 de decembro de 2019, ou en procedemento concursal a 17 de marzo de 2020.
Unha vez se habilite o novo tramo de avais, terase consumido xa máis de 60% dos 100.000 millóns de euros consignados no programa de axuda de financiamento ás empresas. Esta liña está xestionada polo ICO, en colaboración coas entidades financeiras, que son as que asumen o custo do aval, que se sitúa nun rango de entre 20 e 120 puntos básicos.