O aumento de traballadoras e traballadores que se atopan nun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) no noso país suman 232.891. A Xunta admite que hai 4% aínda sen resolver.
As traballadoras e traballadores afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na Galiza aumentaron en máis de 2.000 desde a pasada quinta feira 30 de abril e chegan xa aos 232.891, segundo os datos achegados esta segunda feira pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria.
Desta maneira, no marco da actual crise provocada pola pandemia de coronavirus, o número de ERTE solicitados no noso país é de 35.821. A súa situación xeográfica correspondería a 13.864 (+60) expedientes nas comarcas da Coruña, 12.544 (+64) nas de Pontevedra, 4.251 (+20) nas Ourense, e 4.131 (+15) nas de Lugo.
Con respecto ao número de traballadoras e traballadores afectadas, a maior cantidade concéntrase nas comarcas de Pontevedra (81.420), seguida polas da Coruña (65.346), Ourense (17.900) e Lugo (15.331).
A este cómputo deben sumarse os 1.031 ERTE tramitados en servizos centrais (autonómicos), con 20.497 traballadores afectados, e aqueles empregados prexudicados por expedientes de regulación en empresas a nivel estatal, pero que teñen repercusión na Galiza, e que son 32.397.
A Xunta aínda ten 4% de ERTE sen resolver
Segundo explicou o Goberno galego en rolda de prensa, malia poñerse “todos os medios” para resolver os expedientes presentados en prazo no noso país até o de agora quedaría 4% dos presentados no seu momento aínda sen resolución. Organizacións sindicais como a CIG criticaron estes atrasos por considerar que prexudicaban que as traballadoras e traballadores afectadas non puidesen cobrar as prestacións que lles correspondían.