Galiza figura no mapa de territorios escollidos polo Estado español para desenvolver plantas de hidróxeno verde, que serán capaces de aproveitar o excedente de produción dos parques eólicos nas horas de menor demanda enerxética.
Galiza é un dos territorios chamados a liderar a revolución do hidróxeno verde, en parte polo potencial de xeración eléctrica a partir de fontes renovábeis. Por iso non é de estrañar que o Estado español elixise Galiza como zona prioritaria para o desenvolvemento de proxectos deste tipo a financiar con cargo aos fondos do programa Next Generation da Unión Europea.
Na actualidade non hai ningún proxecto confirmado, máis algunhas compañías xa dan pistas de por onde van os tiros. Así, o pasado mes de novembro, o presidente de Naturgy, Francisco Reynés, anunciaba que a compañía estaba a estudar o estabelecemento dunha planta de hidróxeno verde de 30 megavatios (MW) nos terreos da central térmica de Meirama, xa sen actividade, onde prevé levantar un parque eólico e unha planta experimental de gas renovábel.
Naturgy tamén participa nun proxecto con Energy Lab e a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens na Coruña para a obtención de biogás a partir de lodos de depuradora. De momento o proxecto serve para xerar un biogás que alimenta varios vehículos ou mesmo se verte directamente á rede convencional de gas.
O seguinte paso deste proxecto, tal e como anunciou a compañía en novembro, será investigar a posibilidade de obter hidróxeno verde das augas residuais.
Energy Lab, un dos socios deste proxecto, realiza tamén labores de asesoría técnica ao Consorcio da Zona Franca de Vigo na posta en marcha da súa planta de hidróxeno verde, anunciada hai tan só uns días.
Cun investimento de 10,1 millóns de euros (60% dos fondos procedentes da UE), a idea do consorcio é encher as cubertas das naves do polígono de Balaídos de paneis solares para producir a enerxía necesaria para o proceso de xeración de hidróxeno verde.
Máis candidatas
A folla de ruta do Goberno español para o hidróxeno verde, que contempla un investimento de 1.500 millóns até 2023 para ter unha potencia instalada de entre 300 e 600MW xa en 2024, sitúa na Coruña un proxecto de “produción de hidróxeno renovábel destinado a distintos usos industriais”.
Reganosa foi a única empresa galega que colaborou no deseño deste documento, polo que moitas expertas do sector sitúan a regasificadora de Mugardos entre as candidatas para desenvolver un proxecto destas características. Se ben a empresa non o confirmou, no seu informe anual de 2018 xa citaba como un dos seus obxectivos “servir de panca para o desenvolvemento de tecnoloxías híbridas con hidróxeno”.
Esta podería ser a planta da que leva falando a Consellaría de Economía desde o mes de xuño, unha infraestrutura de 50MW con capacidade para producir 5.100 toneladas de hidróxeno, capaces de abastecer máis de 600 camións propulsados por este combustíbel, aínda que non son o único medio de transporte susceptíbel de moverse con hidróxeno. Tamén están os barcos, os vehículos privados, os autobuses e mesmo trens, que xa circulan por Alemaña.
Outras grandes enerxéticas como Repsol e Endesa (Enel), anunciaron investimentos en hidróxeno verde, pero tamén sen concretar. Se non prosperan as probas de biocombustíbeis na central térmica das Pontes, o hidróxeno verde podería ser unha das alternativas a desenvolver.
Primeiro a industria
Para o catedrático Ramón Varela, o que está claro que o hidróxeno verde é un sistema de almacenamento de enerxía “que interesa sobre todo ás compañías eléctricas”.
Segundo explica a Nós Diario, a estratexia da Unión Europea é crear unha rede de baterías para aproveitar o excedente de produción nas horas val para distribuílo despois por todo o continente, creando un mercado eléctrico único e fomentando as interconexións entre estados.
“Que non nos veñan con contos de que iso vai producir postos de traballo e demais. O que hai que facer é non deixar desmantelar e incluso ampliar a industria eólica da que fomos pioneiros nos anos 90, e avanzar na undimotriz, na mareomotriz e na xeotermia”, xa que, do contrario “só imos ser competidores doutros territorios que fan o mesmo”.
Na mesma liña, Anxo Calvo, profesor de Economía Financeira da UDC, incide na necesidade de apostar por “xerar coñecemento que se acabase transformando en transferencia e produtos viábeis desde o punto de vista comercial e económico-financeiro. Se se pode xerar un sector novo sería unha mágoa non avanzar por ese camiño”, apunta, e cita como exemplo as potencialidades do vehículo eléctrico e as smart grids para actuar tamén como almacéns de enerxía eléctrica.