Contas ve irregularidades na paralización das obras do AVE a Galiza

O órgano fiscalizador detecta irregularidades na xustificación das modificación e na paralización dos proxectos de construción das infraestruturas para a chegada do AVE a Galiza.

Tirón de orellas do Tribunal de Contas ao Goberno do Partido Popular no Estado español polas paralizacións e demoras nas obras do AVE a Galiza. A institución que preside María José de la Fuente detectou varias irregularidades no seu informe de fiscalización dos expedientes de suspensión de contratos que afectaron ás liñas férreas de alta velocidade durante os exercicios 2014 a 2017, nos que estaba á fronte do Ministerio de Fomento Ana Pastor, e Íñigo de la Serna no último ano. 

O informe recolle que so se gastou 49,2% do que estaba previsto investir nestas infraestruturas. Chama tamén a  atención sobre determinados proxectos. Así, nas obras complementarias para os problemas detectados nos túneles de Bolaños do treito Vilariño-Campobecerros, o órgano fiscalizador fala de irregularidades por non ter tramitado esta actuación como proxecto modificado. Non se fixo porque o contrato xa sufrira dúas modificacións anteriores e con esta terceira superaríase 10% o prezo da adxudicación, algo contrario á lei. As obras paralizáronse en 2016 para modificar o proxecto cando xa estaba todo o importe de adxudicación executado, un feito que Contas non atopa “coherente”.

O Tribunal fala tamén da falla de coordinación entre administracións no proxecto da variante de Ourense entre Seixalvo e a estación ou o modificado do montaxe vía Olmedo-Pedralba, que foi obxecto de até trece ampliacións no prazo de execución, e outras decisións “contrarias á lexislación vixente”.

Nas conclusións do informe, o órgano fiscalizador recomenda ao Ministerio de Transportes e o Adif optimizar a planificación das liñas de AVE  e que os “distintos fitos” necesarios para a súa construción, desde o estudo e análise até a conclusión das obras, “se executen de forma concatenada”, isto é, “concertando medios e esforzos para evitar paralizacións innecesarias dos traballos”.

Vía:https://www.nosdiario.gal