Pasa a controlar 12% do capital da firma de nanotecnoloxía a través do fondo Repsol Corporate Ventures.
A petroleira Repsol reforza a súa aposta na startup galega Nanogap. A través do seu fondo de investimento Repsol Corporate Venturing, a firma presidida por Antoni Brufau, incrementou a participación de 9% que controlaba desde hai un ano e pola que pagou 1,8 millóns de euros, até 12%. É un paso máis na súa política de investimento en tecnoloxías e aplicacións disruptivas que lle permitan mellorar a eficiencia e sostibilidade dos seus produtos e procesos industriais.
Desde a compañía galega, xurdida en 2006 como spin off da Universidade de Santiago de Compostela, destacan que o compromiso de Repsol co seu proxecto representa un apoio “moi relevante” en forma de recursos financeiros que lles permitirá seguir levando á súa tecnoloxía aos mercados máis avanzados do mundo. Ademais, consegue un banco de probas para os seus produtos, asesoramento técnico en un maior achegamento da actividade a modelos de negocio rendíbeis.
Nanogap, con sedes en Milladoiro (Ames) e San Francisco (EUA), está especializada en materiais avanzados e nanotecnoloxía.
Máis eficiencia
Por outra banda, a petroleira segue a traballar na parada programada da refinaría da Coruña, iniciada o pasado 11 de xaneiro e na que inviste 64 millóns de euros. Na actualidade, Repsol está a instalar un equipo chave na mellora da eficiencia e a redución de emisións.
Trátase dun compresor de 65 toneladas de peso que, sumado á substitución da turbina de vapor por un motor eléctrico de alta velocidade (o primeiro instalado nun complexo industrial de Repsol), permitirá una redución de emisións de CO2 de 12.506 toneladas ao ano.
Dos 64 millóns de investimento, 43 millóns irán a proxectos de innovación ambiental e eficiencia enerxética que permitirán reducir en máis de 18.000 toneladas as emisións do complexo.