O presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e ex presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, afirmou nunha entrevista na Radio Galega que as medidas económicas anunciadas polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos “son de poñer os cabelos de punta”. “Fálase dun salario mínimo que supón un 33% sobre o que está estabelecido hoxe”, afirmou, e dun déficit “que se pode ir a 3,5%”.
Fontenla, nunhas declaracións recollidas por Europa Press, asegurou en consonancia co presidente da patronal estatal, Antonio Garamendi, que Administración europea “non vai tolerar” o aumento do déficit e do gasto público “en cifras importantísimas”. “Restaría moita credibilidade á economía”, argumentou.
“Levaría a moitísimos autónomos e traballadores ao paro”, argumenta Fontenla
O líder da patronal da Coruña tamén advertiu que “non se pode pasar de repente de 900 a 1.200 euros” o salario mínimo interprofesional, porque iso “levaría a moitísimos autónomos e traballadores ao paro”. “Se un traballador cualificado queda pegado ao salario mínimo, quererá gañar máis porque é un especialista”, explicou. Á vez, Fontenla amosouse favorábel a todo o que sexa “beneficioso para o poder adquisitivo dos traballadores, sempre e cando haxa unha contraprestación de produtividade”.
Cuestionado pola crisis orgánica que atravesa a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), sen presidente desde hai dous anos, o líder da patronal da Coruña considera que nun prazo de tres ou catro meses poderá atoparse unha solución. A CEG celebrará unha asemblea electoral o 30 de abril, e Fontenla avanzou que hai varios candidatos “dispostos”. En febreiro de 2020 está prevista a celebración dun xuízo no que se investiga un burato nas contas da Confederación de Empresas da Galiza, froito do cobro de axudas para cursos de formación nunca realizados. Un xuízo que se foi adiando ao longo de case dúas décadas.