O coronavirus ameaza cunha grave recesión

O Fondo Monetario Internacional (FMI) sinalou na quinta feira que a pandemia de coronavirus terá un “impacto substancial sobre a actividade económica mundial”. A habitual conferencia de prensa quincenal en Washington do portavoz do FMI, Gerry Rice, realizouse inusualmente en modo virtual, dado o avance do coronavirus nos Estados Unidos, onde xa se superaron os mil infectados.

O FMI xa daba por feito que a economía mundial crecerá en 2020 a un ritmo inferior ao 2,9% rexistrado en 2019, despois de que o pasado mes de xaneiro anticipase unha expansión de 3,3%, unha vez que o alcance da crise provocada polo coronavirus superou o escenario base da institución. O FMI manexa “escenarios máis adversos” para as súas novas previsións económicas, que dará a coñecer a mediados do próximo mes de abril.

No caso concreto da economía española, o FMI fixo público na cuarta feira o seu informe anual de previsións, que son “sumamente incertas a curto prazo polo impacto do coronavirus”.

Considera que en 2019 xa se estaba desacelerando a actividade pola incerteza interna e, especialmente, a externa, mais agora engade que “as perturbacións temporais sobre as cadeas de subministro, o comercio, o turismo e o consumo interno ralentizarán aínda máis o crecemento en 2020”. O PIB deste ano medrará con toda seguridade menos do 1,6% previsto antes do contaxio.

Crise sistémica

Esta percepción, da ralentización previa da economía, vai na liña do defendido desde unha perspectiva mundial polo profesor e investigador Joan Benach, que nun recente artigo sinala: “Un primeiro paso necesario é non enganarnos coas informacións incompletas, emocionais ou tóxicas do relato mediático hexemónico do coronavirus e tratar de comprender a crise sistémica que oculta”.

Vía: https://www.nosdiario.gal