Os hostaleiros do norte de España reclaman ao novo Goberno a chegada do AVE “no menor tempo posible”

As asociacións de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco piden unha política “activa” no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias.

As asociacións de Hosteleria e Turismo de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, englobadas na plataforma ‘A Forza do Norte’, reclamaron este mércores ao novo Goberno do Estado unha política “activa” no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias que permitan a chegada “no menor tempo posible” do AVE ao norte de España.

Tren Ave

Tren Ave | Fonte: Renfe.

Esta asociación empresarial lembrou que a recente confusión sobre a continuidade ou non do AVE a León desde Madrid, tras a supresión da venda de billetes a partir do 20 de xaneiro, activou todas as alarmas e evidenciou “a precaria situación na que nos atopamos os territorios onde aínda carecemos dunha conexión en ferrocarril de alta velocidade coa capital de España”.

Por todo iso, reclamaron que a suspensión transitoria do servizo se soluciones “da forma o máis rápida posible” xa que “actuacións así afectan de forma negativa á actividade e desenvolvemento económico de todo o norte de España e, en particular á industria turística”.

Do mesmo xeito, cualificaron de “inaceptable discriminación” a comunicación ferroviaria no norte. “É aínda máis ferinte cando noutras rexións de España están a porse en marcha liñas de ferrocarril de alta velocidade ‘Low Cost’ co servizo denominado AVLO”, indicaron, para cualificar de “imprescindible” que o Goberno aplique unha política para resolver “dunha vez por todas e de forma definitiva a histórica carencia dun transporte ferroviario do século XXI”.

“O Norte de España mantén un illamento histórico ao sufrir, ademais, unha precaria infraestrutura noutros modos de transporte, con autoestradas de peaxe, ás que acaban ademais de subir o seu prezo, e unhas conexións aéreas escasas e caras”, lembraron.

Vía: http://www.galiciaconfidencial.com