A Xunta defende que a Política Agrícola Común teña en conta as peculiaridades do medio rural galego. Así o reiterou hoxe en Bruxelas o conselleiro do Medio Rural, José González, que asistiu ao Consello de ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas, acompañando ao ministro Luis Planas.
Nesta liña, o titular de Medio Rural manifestou que a postura de Galicia é de plena lealdade co Goberno de España á hora de apoiar unha PAC común para toda a UE, pero tamén de absoluta firmeza na defensa dos intereses dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos diante das instancias europeas.
Por iso, o conselleiro insistiu na necesidade de que os pagos redistributivos da PAC sexan obrigatorios e non de aplicación voluntaria. Isto -explicou-, para permitir que se redistribúan os pagos a nivel nacional dende as grandes explotacións ás pequenas, como un mecanismo para garantir a súa pervivencia e estabilidade.
José González lembrou ademais que Galicia conta nesta demanda co respaldo das demais comunidades da cornixa cantábrica, coas que chegou a un acordo na defensa desta orientación. Nestes territorios, incluído o galego, predominan as pequenas explotacións, fronte ás de maior dimensión do centro e sur de España.
Continuidade das axudas
Así mesmo, o conselleiro reiterou a aposta da Xunta por unha prórroga do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia para o ano 2021, como medida para garantir a continuidade de todas as liñas de axudas que ampara este programa, entre elas de xeito específico as agroambientais e as destinadas a zonas desfavorecidas e de montaña. Neste sentido, González recordou que a nosa comunidade mantén un moi bo ritmo de execución do seu PDR, polo que busca que neste período transitorio, sobre todo no 2021, sexa posible axustar o programa con diñeiro do próximo marco (2021-2027) e completar así ditas medidas.
Sobre o pacto verde europeo, que se está a debater nos diferentes foros comunitarios, o conselleiro advertiu que a sustentabilidade ambiental é algo que ninguén discute e que os agricultores, gandeiros e silvicultores galegos están totalmente comprometidos con estas políticas. Polo tanto, sinalou, a Xunta demanda que xunto con ese enfoque exista tamén a transitoriedade suficiente para poder adaptar as súas actividades a ese pacto. É dicir -engadiu-, que se teña en conta o esforzo que xa fan os axentes do rural galego a prol do medio ambiente, de forma que a necesaria produción de alimentos sans e seguros siga sendo compatible con esa Europa Verde pola que se aposta.
Así mesmo, José González dixo que a defensa de todas estas medidas -e doutras que favorezan dentro da PAC o noso tecido agrario- faise sempre de acordo cos diferentes axentes sectoriais, cos que a Xunta mantén un pleno consenso, e ademais co apoio de expertos, que conforman un grupo de traballo específico sobre a materia tamén creado polo Goberno galego.