Galiza perde nun ano 488 autónomas e autónomos que xeraban emprego

As últimas cifras da Seguridade Social confirman que en 2019 continuaron as baixas nas persoas autónomas que teñen persoas contratadas. Desde a Asociación de Traballadoras e Traballadores autónomas (ATA) piden medidas.

A situación das persoas afiliadas ao réxime de traballadoras autónomas continúa a dar malas novas. Os últimos datos da Seguridade Social facilitados pola Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) constatan unha realidade que afecta, tamén, ás persoas que con este réxime xurídico teñen persoal ao seu cargo. É dicir, a súa perda implica a desaparición, ao mesmo tempo, de varios postos de traballo máis. 

Galiza contou con anos de recuperación deste perfil mais desde 2016 a súa baixada foi continua. Ese mesmo ano contaba con 28.976 persoas autónomas que xeraban emprego que pasaron en 2019 a ser 28.426. 

As comarcas cunha maior caída foron as de Ourense, que pasaron en 2016 de ter 3.469 a contar con 3.302 en 2019 (-167). E as de Lugo que no mesmo período pasaron de 4.220 a 4.066 (-154). As zonas máis habitadas tamén sufriron descenso pasando, no caso de Pontevedra de 9.328 a 9.225 (-103). As comarcas da Coruña, que son as que teñen máis persoas autónomas deste perfil, pasaron de ser 11.959 a quedar con 11.803 (-156). 

Perdas que afectan a outros empregos

A perda de autónomas e autónomos non é nada novo para o noso país nos últimos anos, como recoñece a Nós Diario o propio presidente da ATA na Galiza, Rafael Granados. “Os sectores tradicionais máis afectados seguen a ser a agricultura, o comercio e a industria” asegura. A destrución de emprego que ten lugar cando unha persoa física autónoma con traballadoras ou traballadores asalariados deixa de selo é máis grave pola propia desaparición, tamén, dos postos de traballo que dependen  dela.

As cifras que deu a coñecer onte ATA apuntan unha tendencia que nos últimos anos era diferente á estatal. Desde esta asociación salientan varios factores que inflúen na destrución de persoas autónomas que contan con persoal asalariado. “Cremos que algunhas razóns foron, por exemplo, a incerteza por futuros anuncios do Goberno español e unha profunda recesión no comercio”, opina Granados. O sector pode estar ou non de acordo con algunhas decisións do Goberno mais, segundo ATA, “o peor é non ter concrecións”. Asegura que “as autónomas e autónomos viron como aumentaron os seus gastos fixos coas subas da luz, do carburante e do Salario Medio Interprofesional”. Pola contra “os beneficios son menores que hai 5 anos”, relata a Nós Diario o presidente da ATA.

Apoiar a consolidación

Con estas cifras na man na ATA cren que é máis positivo coidar a continuidade que centrar os recursos en campañas para animar a que entren novas emprendedoras. “De nada serve ter máis autónomos se pechan antes de dous anos de actividade”, asegura Granados, “cando pasamos ese primeiro período é cando asentamos a empresa, temos a clientela, mais tamén é cando precisamos máis axuda para mudar o modelo empresarial ou para actualizármonos en temas como as novas tecnoloxías”, engade. E para ATA ese é un dos principais problemas do comercio galego actual: a loita desigual coas plataformas de venda en liña. 

Vía: https://www.nosdiario.gal