A pensión media galega subiu 1,6% en xaneiro en comparación co mesmo mes do ano anterior, até situarse en 846,9 euros, segundo os datos que publica o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Esta cifra é a segunda máis baixa entre territorios do Estado, só Estremadura ten peores datos (830,18 euros). Galiza está 149,74 euros por baixo da media española (996,73 euros) e hai 767.241 pensionistas.
A pensión por xubilación está de media na Galiza en 962,39 euros, 182,31 euros por baixo do que se percibe no Estado (1.144,61 euros) e percíbena 480.483 persoas.
Na Galiza hai 230.580 pensións con complemento a mínimos. Son 30,1% do total (supoñen o 37,1% do total de pensións de mulleres e o 21,9% no caso dos homes), unha taxa seis puntos por encima da media española.