Un reaxuste no cómputo dos ERTE rebaixa os afectados en Galicia a case 193.000

A Xunta estuda medidas a curto e medio prazo para autónomos e pemes de cara á reactivación económica. O Goberno aprobará este martes o adiamento do pago de impostos ao 20 de maio a pemes e autónomos. Xunta e arquitectos rexeitan a “modificación unilateral” do Plan de Vivenda e o desvío de fondos “xa asignados”. Organizacións do sector téxtil e moda piden condonación de rendas e renegociación de alugueres. O Concello de Pontevedra concede licenza a Elnosa para desmantelar a súa fábrica en Lourizán

Un reaxuste no cómputo de datos deu lugar a unha rebaixa nos traballadores afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) en Galicia, de forma que quedan en 192.794, o que supón 12.602 menos que os máis de 205.000 que se contabilizaban o mércores pasado –último día con cifras–.

Segundo explican fontes do Goberno galego a Europa Press, este reaxuste prodúcese tras cruzarse datos entre diferentes administracións, o que provocou un cambio nas cifras ata quedar en case 193.000 traballadores inmersos en 32.926 ERTE. A principal diferenza radica no número de traballadores en expedientes de regulación a nivel estatal con incidencia en Galicia, que son 12.617. A pasada semana este dato era erróneo, cando se contabilizaban máis de 36.000.

Por provincias, Pontevedra segue á cabeza en afectados (73.508) en 11.463 ERTE. Séguelle A Coruña (con 59.169 empregados e 12.681 ERTE). En Ourense hai 16.347 empregados en 3.944. En Lugo, 13.913 afectados en 3.890 ERTE.

Os ERTE a nivel autonómico son 948, nos que hai 17.240 afectados (1.321 máis respecto ao mércores da pasada semana). De tal forma, se se deixan de lado as cifras dos ERTE estatais, na comparativa dos traballadores en expedientes provinciais e autonómicos hai unha alza de máis de 10.800 respecto ao pasado mércores, unha subida do 6% neste caso.

O SECTOR TÉXTIL PIDE RENEGOCIAR OS ALUGUERES

A Asociación Nacional Grandes de Empresas de Distribución (Anged), Moda España, Acotex e Asepri reclamaron a fixación dun marco normativo adecuado e preciso que asegure xuridicamente as medidas adoptadas polas partes relativas á condonación de rendas e á renegociación bilateral de contratos de aluguer, con efectos desde o inicio do estado de alarma e polo menos ata o seis meses seguintes á súa terminación.

“Nunha situación de peche completo dos establecementos, os comercios non teñen capacidade para afrontar os seus gastos correntes“, sinalan as organizacións nunha carta remitida á ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, e á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, cunha batería de propostas para superar a crise do Covid-19 recollidas ademais nun informe de EY.

Entre as madidas propostas figuran a aclaración expresa de que o compromiso de mantemento do emprego aplicable aos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTEs) en curso decae cando concorran causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. A iso súmase a confirmación da posibilidade de tramitar un novo ERTE unha vez finalizado o que xa se solicitou por Covid-19, a condición de que concorran causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. Así mesmo, piden a flexibilización do procedemento que debe seguir o empregador para solicitar do persoal contratado tarefas distintas das fixadas no convenio laboral. 

Igualmente, reclaman a adopción inmediata dun conxunto de medidas fiscais para o adiamento, suspensión de exacción, flexibilización de requisitos e establecemento de determinados beneficios fiscais relativos, en esencia, ao Imposto sobre Sociedades, ao IVE e ao IRPF.

“INQUIETUDE” NO SECTOR INMOBILIARIO

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, mantiveron este luns un encontro no que manifestaron a súa oposición á “modificación unilateral” por parte do Goberno do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, “sen escoitar a comunidades e sectores implicados”, así como a que o Executivo central “utilice e desvíe fondos xa asignados e na súa maior parte comprometidos” para financiar “unha nova orde axudas dirixidas aos mesmos colectivos vulnerables que se benefician das axudas previstas no devandito plan”.

Durante a reunión, a decana trasladoulle á conselleira a “inquietude” dos arquitectos galegos e doutros colectivos do sector inmobiliario e da vivenda ante as “repercusións que podería carrexar” a aplicación do real decreto de 31 de marzo polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Ante isto, a conselleira trasladou unha mensaxe de tranquilidade e subliñou que a Xunta ten intención de seguir destinando os preto de 42 millóns de euros que ten asignados a comunidade neste plan para os anos 2020 e 2021 ás axudas e aos programas que xa están en marcha, porque “hai uns dereitos adquiridos”.

Entre as medidas, Vázquez referiuse á decisión do Goberno galego de asumir o 100% da renda mensual dos beneficiarios da axuda do bono de aluguer social, así como a nova orde de axudas especificamente dirixidas a vítimas de violencia de xénero, dentro do mesmo programa, coa que se garante que un colectivo “tan sensible como este” manteña a súa vivenda no actual contexto de alarma.

REACTIVACIÓN ECONÓMICA

O Goberno galego traballa en varios escenarios para abordar as consecuencias económicas da crise provocada pola COVID-19 nas pequenas e medianas empresas, os autónomos e os emprendedores, con diferentes iniciativas a curto prazo e outras pensadas cara ao horizonte da reactivación en canto se levante a alerta sanitaria. Así llo trasladou este luns o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a representantes da Asociación de Novos Empresarios (AJE) durante un encontro celebrado a través de videoconferencia. 

A curto prazo, actuarase a través de medidas económicas para inxectar liquidez inmediata ao tecido empresarial, como unha liña de préstamos de ata 200.000 euros que conta xa con máis dun milleiro de solicitudes e que ascende a mais de 79 millóns de euros. Outras accións refírense ao adiamento de cotas de amortización e xuros, a axilización do pago a provedores ou a suspensión de prazos para presentación de varios impostos.

As medidas a medio prazo, aquelas destinadas a preparar a situación para a reactivación económica tras o coronavirus, centraranse no apoio a investimentos o impulso ao emprego e o estímulo á demanda para potenciar os sectores máis resentidos.

ADIAMENTO DO PAGO DE IMPOSTOS

O Goberno prevé aprobar no Consello de Ministros de mañá, martes, un real decreto para establecer a ampliación dos prazos de presentación e pagos de declaracións trimestrais de impostos para que os autónomos e as pemes con máis dificultades poidan presentalas ata o 20 de maio, no canto do mes de abril, segundo confirmaron a Europa Press en fontes gobernamentais.

De igual forma, aprobarase que autónomos e pemes poidan renunciar ao sistema de módulos e poidan tributar polo de estimación directa, e tamén se modificará algún aspecto relacionado co Imposto de Sociedades.

ELNOSA

O Concello de Pontevedra acaba de conceder licenza urbanística á empresa Electroquímica do Noroeste S.A.U. (Elnosa) para desmantelar a súa fábrica en Lourizán.

A multinacional portuguesa Bondalti, propietaria da fábrica de cloro, xa obtivo os informes favorables de Medio Ambiente e de Costas, e este luns a xunta de goberno do Concello de Pontevedra autorizou o inicio destes traballos para os que dispoñen un prazo de seis meses.

Segundo informou a concelleira Carme da Silva, o orzamento presentado por Bondalti para a realización da primeira fase deste desmonte industrial alcanza os 528.000 euros.

Vía: http://www.galiciaconfidencial.com