Debe o sector público axudar o privado ou tomar a iniciativa?

O coronavirus non dá acougo á actividade económica. Mentres os poderes públicos acoden ao rescate do sector privado botando man de instrumentos até agora rexeitados pola ortodoxia liberal, a taxa de actividade cae en picado e milleiros de persoas son expulsadas ao desemprego. Anúncianse tempos complicados para as maiorías sociais e os pobos.

As receitas aplicadas polos organismos públicos semellan apuntar un cambio de rumbo fronte ás políticas anteriores. Porén, ninguén acaba de fiarse do alcance da viraxe. O profesor de Políticas Públicas da Universidade de Compostela (USC) Miguel Anxo Bastos considera que “é moi cedo para analizar se hai algúns cambios reais na política económica pero o Estado debe botar unha man na medida en que o seu marco regulador condiciona a actividade das empresas”.

 “É moi cedo para saber se estamos diante dun cambio de paradigma”, sinala a Nós Diario a economista da USC María Cadaval, quen recoñece que “a crise provocada polo coronavirus cóllenos a todas co pé cambiado”. “Precisamos volver pensar a longo prazo, porque claro que é máis barato que China produza máscaras sanitarias, mais non é o máis eficiente. O que non podemos é seguir mantendo un modelo así, precisamos un cambio que volva pór en valor o tecido industrial do país”, conclúe Cadaval.

A emenda do BCE

“O Banco Central Europeo fixo, na súa última reunión, unha emenda á totalidade da súa política durante anos pero está por ver se isto se confirma e o cambio de rumbo é real”, comenta a Nós Diario a economista da USC María do Carme García Negro. “A Unión Europea está moi tocada, de feito, a tardanza na resposta de Pedro Sánchez

débese a iso. A debilidade externa da Unión Europea queda en evidencia nesta crise, a axuda a Italia de Estados que non fan parte dela, como China, Rusia e Cuba é un exemplo”, engade García Negro.

O economista Xosé Díaz non acredita nun cambio da política económica estatal ou europea: “Xa sabemos o que pasou en 2008, cando o propio primeiro ministro francés Nicolas Sarkozy chamou a refundar o capitalismo, pero ao tempo a crise foi xestionada aplicando as mesmas receitas que a tiñan provocado”. “Non son optimista coas alternativas que poden vir da Unión Europea, pensemos que os únicos Estados do mundo que non se poden financiar directamente dos seus bancos centrais son os da eurozona”, aclara Díaz.

A principal preocupación dos poderes públicos nesta fase de xestión da crise é garantir a liquidez ao sector privado. Neste sentido explícanse as inxeccións masivas de diñeiro aprobadas polos bancos centrais e os propios Estados, nunha liña semellante ás medidas adoptadas na crise económica comezada en 2008. Porén, unha parte da sociedade observa con preocupación a repetición dos erros de entón, temerosa de que malia as inxeccións de liquidez o crédito non chegue a pequenas e medianas empresas e particulares. O debate sobre 

A banca pública ábrese oco neste escenario  

“Unha banca pública é un desastre”, afirma en declaracións a este medio Miguel Anxo Bastos, que considera a política de avais impulsada polo Goberno do Estado “unha operación destinada a limparlle os balances á banca e librala do pasivo”. “A experiencia das caixas de aforro e as razóns da súa quebra demostran a falla de eficiencia do sector público á hora de manexar os riscos”, entende.

A necesidade do crédito

A María Cadaval non lle parece imprescindíbel contar cunha banca pública para garantir que o crédito chegue ás empresas e ás particulares: “O sistema financeiro privado con aval público, tal é como se ten instrumentado agora, pode inxectar a liquidez que se precise para que o crédito chegue ás pemes. O problema está nos impedimentos  provocados polos trámites e as dificultades burocráticas”. A profesora considera que “o sector público non precisa ser titular para controlar a explotación”, en referencia á xestión do servizo.

“A banca pública non é un instrumento suficiente se non esta incardinado con outras partes do proceso produtivo” afirma García Negro, quen considera “fundamental un sector público potente. Hai Estados, como o francés, que por boca do seu presidente Emmanuel Macron anuncian a súa intención de estudar a nacionalización de empresas estratéxicas”. Non obstante, destaca as dificultades de pór en marcha un proceso semellante na Galiza, xa que “os mecanismos de control están en mans foráneas”.

Xosé Díaz considera a banca pública como “un instrumento fundamental para o desenvolvemento económico do país”. “O Goberno galego tería, así, unha ferramenta chave para financiar os diversos proxectos produtivos impulsados aquí e tamén contaría cun mecanismo para evitar a drenaxe do noso aforro. Os nosos depósitos, que representan máis de 20.000 millóns de euros estanse empregando para financiar proxectos noutras partes do Estado”, continua Díaz, convencido da necesidade da banca pública, “por iso en Alemaña hai un cento de bancos públicos. A excepción é precisamente non contar con eles”.

As posibilidades das políticas monetarias expansivas están condicionadas polo Banco Central Europeo. A maioría das analistas son pesimistas coa capacidade de resposta da Unión Europea, nunha conxuntura política moi complicada, cun relevo cada día menor na esfera internacional e cunha arquitectura económica que dificulta a posta en marcha das medidas anticíclicas. Neste sentido consideran que non é verdade que a UE vaia dedicar moita axuda. A maiores, o euro opera como un problema, semellante ao xogado no pasado polo patrón ouro.

Un sector público minguante

As políticas económicas aplicadas nos últimos 40 anos orientáronse a reducir o peso do sector público na economía e a capacidade de resposta dos Estados. A xestión da Longa Depresión, designación empregada na historia económica para referirse á crise iniciada en 2008, favoreceu esas tendencias de fondo, deixando os instrumentos públicos con menor capacidade de resposta. A maiores, como se ten sinalado, calquera conta cun agravante a partir de 2008, como consecuencia da situación de precariedade na que ficaron as economías.

“Esta crise vai provocar unha inflexión na consideración do sector público, xa que os discursos ultraliberais amósanse incapaces de dar resposta aos problemas da xente”, sinala a Nós Diario María Cadaval. Xosé Díaz formula “como obxectivo ideolóxico” que todas as industrias en rede “sexan nacionalizadas”. “Telecomunicacións, camiños de ferro ou enerxía, o propio delas é o monopolio natural. Un sector eléctrico nacionalizado permite unha enerxía máis barata e ademais posibilita empregala como imán para favorecer a posta en marcha de proxectos industriais”, salienta.

O debate sobre a necesidade dun novo marco normativo no sector eléctrico está aberto. As recorrentes queixas das usuarias polas repetidas subas do recibo da luz ou a protesta das traballadoras das industrias electrointensivas pola ausencia dunha tarifa competitiva e estábel obrigan á redefinición dun modelo iniciado polo Executivo de Felipe González e posteriormente continuado polo de José María Aznar.

Vía: https://www.nosdiario.gal