Situación “dramática” no sector téxtil: as vendas caen un 70% polo coronavirus

Os traballadores afectados por ERTE dispáranse a 200.000 en Galicia. Adicae avoga por que non se compense pola baixada do tráfico a Audasa, que nega solicitalo. Cultura traballa nun plan de reactivación dos sectores audiovisual e editorial. O sector vitivínicola sofre tamén a súa “caída importante” de vendas. Portos de Galicia flexibiliza o pago das taxas nos peiraos autonómicos. O goberno local de Santiago aspira a impulsar un paquete de medidas para a reactivación económica de Santiago por 3 millóns.

As vendas do sector téxtil esborralláronse un 70,3% en marzo, encadeando tres meses de caídas, debido ao peche das tendas na segunda metade do mes tras decretarse o estado de alarma en España para frear a expansión do coronavirus, segundo os datos ofrecidos pola Asociación Empresarial do Comercio Téxtil, Complementos e Pel (Acotex).

En concreto, a patronal reiterou que o “motivo da desfeita” das vendas débese á crise sanitaria e lembrou que ao ter as tendas pechadas as “vendas son cero”, mentres que as da canle ‘en liña’ “están “a ser residuais”. “Os cidadáns non están con ánimo de comprar roupa que non se van poder poñer”, sinalan desde Acotex.

Respecto da venda por Internet, a patronal advertiu hai unhas semanas da situación “tan dramática” que están a atravesar tras esborrallarse a facturación ‘en liña’ un 81% desde que se decretou o estado de alarma. Desta forma, o sector volve pedir “medidas urxentes e específicas” para o comercio téxtil e complementos, xa que se atopa nunha situación “moi delicada”.

INDEMNIZACIÓN A AUDASA?

A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae) avogou por que non se indemnice á concesionaria da AP-9 pola perda de ganancias que lle causou o descenso do tráfico derivado das restricións de mobilidade impostas pola crise sanitaria. Mentres, Audasa negou solicitar ao Goberno compensacións por esta situación.

Nun comunicado, a asociación incidiu na necesidade de que non se compense á empresa mediante unha partida incluída nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) ou unha subida de peaxes.

Deste xeito, Adicae considerou que esta concesionaria “non pode ser beneficiaria de ningunha medida” ata que non asuma a devolución das peaxes cobradas durante as retencións rexistradas cando levaban a cabo as obras de ampliación da ponte de Rande. En concreto, esta resolución foi adoptada polo Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra en febreiro, aínda que a sentenza foi recorrida por Audasa.

Pola súa banda, un portavoz da concesionaria asegurou a Europa Press que non se solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana “ningún tipo de compensación” pola caída do tráfico acumulada na AP-9.

ERTE

Galicia rexistra un total de 31.326 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) con 199.993 traballadores afectados pola crise do coronavirus, segundo os datos da Xunta deste luns.

Deste xeito, os empregados inmersos nestes expedientes de regulación dispáranse un 25% respecto dos datos do pasado venres, con 40.000 traballadores máis, tendo en conta que agora o Goberno galego ofrece por primeira vez as cifras de empregados en ERTE de índole estatal que teñen repercusión en Galicia, que son 36.031.

A nivel autonómico hai 909 expedientes de regulación que afectan a 15.518 persoas. Por provincias, Pontevedra segue á cabeza en traballadores en afectados (65.037) en 10.863 ERTE. Séguelle A Coruña, con 55.088 traballadores e 12.003 expedientes.

A máis distancia están os 15.043 empregados en 3.808 ERTE na provincia de Ourense, así como os 13.276 traballadores en 3.743 expedientes.

RECOLLIDA DO LEITE A GANDEIROS

O Grupo Lactalis garantiu a recollida de leite aos gandeiros galegos cos que colabora, á vez que pagará unha prima de ata 500 euros aos seus 1.800 empregados de fábricas en España –conta cunha planta en Nadela e outra en Vilalba Lugo)–. Mentres, LIDL aumentou compras a produtores na Comunidade en marzo durante o estado de alarma.

Noutra orde de cousas, o Sindicato Labrego Galego denunciou este luns “prácticas abusivas” de Reny Picot na renovación de contratos lácteos “aproveitándose” da crise do coronavirus. Asegura que, aínda que a lei obriga a unha duración mínima de contratos dun ano con produtores, “a multinacional asturiana forza en Galicia consentimentos para asinar por tres meses”.

PLAN PARA O SECTOR AUDIOVISUAL E EDITORIAL

A Consellería de Cultura e Turismo traballa nun plan de reactivación para tentar mitigar as consecuencias que está a ocasionar a crise sanitaria tanto no sector audiovisual como editorial.

Este plan recollerá unha serie de medidas específicas que se deseñarán xunto cos representantes destas entidades. Este mesmo luns, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse de forma telemática con asociacións de ambos os sectores.

Por unha banda, participaron representantes da Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Clúster Audiovisual Galego (Clag) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.

Rodríguez trasladou aos portavoces desas entidades que tomarán medidas para garantir as actividades previstas e os empregos, e que se terán en conta as interrupcións de rodaxes, a paralización de proxectos, a cancelación de estreas ou a suspensión de festivais e circuítos de distribución.

MEDIDAS PARA A REACTIVACIÓN ECONÓMICA EN SANTIAGO

O goberno local de Santiago acordou na xunta local deste luns que este mesmo mes de abril se activarán as primeiras accións dun paquete de medidas de reactivación económica para a capital galega destinadas a comerciantes, autónomos e pequenas empresas. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, confía en que o orzamento total para estes programas alcance os 3 millóns de euros.

Entre estas medidas, segundo indicou nunha rolda de prensa telemática, figura un plan de reactivación do comercio local, que contará con varios tipos de programas: accións de concienciación e comunicación; unha convocatoria de axudas para pagar intereses e gastos de “créditos que moitos comercios están a ter que contraer”; un programa de axudas á innovación e un servizo de atención e asesoramento en liña.

Sánchez Bugallo apuntou que estas medidas se porán en marcha ao longo deste mes de abril. “Unha parte delas irán con cargo ao orzamento de 2020, e outra parte haberá que complementala con modificacións orzamentarias ou co superávit, de producirse a autorización do Estado para destinalo tamén a este fin”, ha exlicado.

Outro paquete de medidas –segundo detallou o alcalde– está relacionado coa promoción económica. Inclúe un programa de desenvolvemento empresarial, estudos e traballos de orientación nunha nova etapa tras a crise, medidas de apoio a través de Uninova e un programa de axudas para pago de intereses (semellante ao do comercio) para autónomos e pequenas empresas.

En materia de creación de emprego, está prevista a posta en marcha de programas de cualificación profesional, nos que se apostará prioritariamente polos cursos en liña.

PERDAS NO SECTOR VITIVINÍCOLA

O conselleiro de Medio Rural, José González, informou este luns por videoconferencia ás denominacións de orixe vinícolas galegas e ás indicacións xeográficas protexidas de licores tradicionais de que se poden acoller á liña de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para inxectar liquidez ante a crise do coronavirus.

E é que o sector padece unha “caída importante das vendas”, debido a que é “moi dependente da canle de restauración”. Por iso, búscase inxectar liquidez para que “non sufran desde o punto de vista económico”. Respecto diso, o conselleiro asegurou que, “se é necesario”, faranse “especificacións” para implementar préstamos do Igape a adegas, destilerías e viticultores.

Así, poden optar á orde da Consellería de Economía, dotada con 30 millóns para a mobilización de 250 millóns en préstamos a empresas e autónomos. Así mesmo, proximamente habilitarase unha apartado na páxina web da Consellería de Medio Rural para que o sector traslade as cuestións e preocupacións en materia económica no rural.

Por outra banda, informou de que se van “flexibilizar” os requirimentos dependentes de subvencións europeas para que “non haxa sancións por incumprimentos”. O obxectivo é que “se algún decide non seguir adiante coa subvención non teñan ningún tipo de penalización”, explica o conselleiro de Medio Rural.

FLEXIBILIZACIÓN DO PAGO DE TAXAS NOS PORTOS

Portos de Galicia decidiu flexibilizar o pago das taxas nos peiraos autonómicos ante a declaración do estado de alarma polo coronavirus, co obxectivo de aliviar a situación económica dos seus usuarios. Segundo informou a Xunta, entre as medidas adoptadas polo ente público atópase a ampliación do prazo voluntario para o pago das liquidacións de impostos xa emitidas e que vencían a partir do 18 de marzo, unhas taxas que agora poderán abonarse ata o próximo 30 de abril.

Portos de Galicia tamén acordou atrasar ata dous meses despois de que termine a declaración do estado de alarma a emisión de novas facturas por taxas portuarias, unha decisión que ten como obxectivo aliviar posibles tensións de tesouraría ás entidades e empresas usuarias dos portos e favorecer a existencia de liquidez para que poidan manter a súa actividade unha vez superada esta situación excepcional pola alerta sanitaria. A maiores, os contribuíntes poderán beneficiarse dos adiamentos e fraccionamentos habituais previstos tanto na lei xeral tributaria como nos regulamentos de recadación en vigor na comunidade.

Estas medidas afectan a servizos especiais como a entrada ou estancia de barcos nos peiraos galegos, a atracada, o tráfico de mercadorías ou o tránsito de embarcacións deportivas ou de lecer. Tamén a outros servizos específicos como guindastres, almacenaxe, locais e edificios ou servizos diversos, así como as taxas portuarias polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos.

Vía: http://www.galiciaconfidencial.com