Seis de cada dez empregos creados na Galiza desde 2009 fórono en actividades cos salarios máis baixos

62% das novas persoas asalariadas nesta década foi en ‘servizos persoais e de lecer’.

Gran parte do emprego creado nestes anos foino naquelas actividades e sectores con salarios máis baixos, ingresos que mesmo, en determinados empregos, mantéñense por baixo dos de 2009.

Son datos que recolle o documento confederal do sindicato CIG para a negociación colectiva. Cifras que radiografían e resumen a realidade laboral do país que se foi construíndo ao longo destes dez anos: só medra a ocupación a respecto de 2009 nas ramas do sector servizos e no primario, na rama de servizos sociais (a que máis das novas asalariadas ocupa) os ingresos nominais son inferiores aos de hai unha década, cando comezou a crise.

“Outros servizos persoais e de ocio foi a rama onde realmente se creou emprego, concretamente 62% das novas persoas asalariadas desde 2009”, plásmase no mencionado informe sindical. É nesta rama onde se dan “os ingresos por salario máis baixos de toda a táboa e inferiores ao SMI, xa que non chegaron 50% do salario medio anual”.

Parte alta

En contraposición, aquelas dúas actividades cos salarios máis elevados (entidades financeiras e aseguradores; industrias extractivas), o emprego nesta década caeu en 22% e 37% respectivamente.

Entre o inicio da década dos oitenta e hoxe a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos. Houbo pois un trasvase en beneficio das rendas de capital que non tivo comparanza nin noutros territorios do Estado español nin no contexto europeo.

Vía: https://www.nosdiario.gal