A entrada na fase 1 elevou a mobilidade en Galicia, pero en febreiro aínda había 300.000 persoas máis na rúa
Galicia estreou a fase 1 da desescalada o luns 11 de maio. A liberdade de movementos ampliouse dentro de cada provincia: as franxas horarias mantivéronse para máis da metade da poboación para facer exercicio e saír a camiñar, pero en todos os concellos quedaban permitidas as reunións de ata dez persoas, os desprazamentos a segundas residencias e a reabertura das terrazas dos bares. Esa primeira xornada rematou coa advertencia dos hostaleiros de que se non había responsabilidade as mesas que dispuxeran sobre prazas e beirarrúas volveríanse blindar con cadeado. Malia as aglomeracións observadas no inicio da fase 1, o rastrexo a 13 millóns de liñas de teléfono móbil que realiza cada día o Ministerio de Transportes determina que máis de 950.000 galegos seguiron confinados na casa o pasado luns.
A mobilidade aumentou, de media, un 12 % respecto ao luns anterior. Se se compara co luns 30 de marzo, a porcentaxe de persoas que quedaron na casa caeu un 32 %. Ese día saíron 1,3 millóns de galegos á rúa, cando aínda quedaban dúas semanas para que se reincorporasen parte dos traballadores non esenciais que ficaban na casa, e a case un mes da entrada en vigor das dúas franxas diarias para facer exercicio ou pasear. O luns 11 de maio, preto de 1,8 millóns de galegos fixeron polo menos un desprazamento dende o seu domicilio, o 65 % da poboación. Dende que se decretara o estado de alarma a mediados de marzo, nunca ata ese momento tantas persoas pisaran a rúa na comunidade. Por vez primeira, houbo maioría de xente que saíu da casa en máis de dúas ocasións: 1,1 millóns fronte a 952.000 que permaneceron confinados. Así, un terzo dos galegos decidiron permanecer nos seus fogares a pesar do levantamento gradual das restricións.
Hora punta ás sete
Ás oito do serán do luns, cando arrincaba a segunda franxa do día para facer exercicio, 36.366 vigueses baixaron á rúa. Unha hora antes fixeran o mesmo preto de 37.000. Non houbo outro concello no que coincidisen tantas persoas á vez en toda Galicia. Vigo converteuse no municipio onde máis galegos saíron cada hora do día, agás ás dez da noite, ás once, ás doce e ás sete da mañá, cando A Coruña pasou a ser o punto da comunidade con máis xente na rúa. Nesta cidade foi onde máis desprazamentos se realizaron nun rango inferior ao quilómetro de distancia, o límite imposto polo Goberno como radio de mobilidade. Santiago experimentou o maior incremento de poboación saíndo do seu domicilio entre as sete grandes urbes galegas, un 16,4 % máis que o luns anterior, seguido da Coruña (15,8) e Vigo (15,7).
Houbo concellos nos que se produciu unha evolución en sentido inverso. Aínda que cunha diferenza mínima, na Fonsagrada, en Bóveda e no Corgo, os tres en Lugo, o confinamento experimentou un lixeiro incremento. No primeiro caso, o illamento medrou un 5,7 %. Estes tres municipios contan cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes, polo que as franxas horarias non se chegaron a aplicar e a veciñanza pode moverse sen impedimento. A mobilidade aumentou por riba do 22 % en máis dunha ducia de concellos. A maior suba deuse en Cuntis, un 37 %, mentres que o número de persoas que quedaron na casa reduciuse nun 64,3 %.
Como vén ocorrendo dende o inicio do confinamento, a maior circulación entre concellos transcorre entre Narón e Ferrol. Máis de 28.300 persoas cambiaron o luns 11 de maio do primeiro ao segundo municipio. Outras 27.000 fixeron a viaxe en sentido inverso. Entre as dúas vilas non hai barreiras xeográficas, e segundo datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística o 27 % dos residentes en Narón naceron en Ferrol. O outro gran fluxo prodúcese de Oleiros á Coruña, con máis de 50.000 desprazamentos en total en ambas as direccións. Ese día, movéronse máis persoas entre Ourense e Barbadás ca entre Cangas e Vigo, e viceversa.
De Ferrol a Fuerteventura
Na análise ao rastrexo do Ministerio de Transporte aos movementos dos galegos aparecen 24 ferroláns -ou liñas de móbil- que foron ata Pájara, un municipio da illa de Fuerteventura, na provincia das Palmas. Outros oito naroneses colleron o mesmo avión cara a esa illa. Precisamente ese día a baloncestista do Baxi Ferrol Patricia Cabrera viaxou nun avión ateigado de xente entre Madrid e Gran Canaria, no que tamén se atopaba o ribeirense Pablo Lijó, xogador de pádel.
Os datos do Ministerio acumulan o número de quilómetros entre o punto de orixe e o de destino dos desprazados, aínda que no medio destas viaxes fagan conexións noutros municipios para tomaren avións ou outros medios de transporte.