Manter a rutina nuns metros cadrados, clave para facer fronte á ansiedade

A situación actual do brote de coronavirus, no contexto do confinamento da maior parte da poboación nos seus fogares e a preocupación pola economía familiar pode dar pé a situacións de estrés ou ansiedade. Nós Diario conversa con dúas psicólogas que recomendan como facerlle fronte ao día a día. 

“O brote da enfermidade COVID-19 pode ser estresante para as persoas. O medo e a ansiedade por unha enfermidade poden ser abafantes e provocar fortes emocións en adultas e nenas. Afrontar o estrés faralle a vostede, á  xente da que se preocupa e mais a súa comunidade máis fortes”.

Así comeza unha publicación da Organización Mundial da Saúde (OMS) na que se debullan consellos a seguir durante a etapa do brote de coronavirus no eido da saúde mental e emocional. Durante a duración do confinamento nos fogares ao que deu pé a declaración do Estado de emerxencia, o coidado da saúde mental é un factor esencial para o benestar da poboación. 

Definir o día a día

A psiócologa Olegaria Mosquela forma parte da comisión coordinadora do grupo de intervención en catástrofes e emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza. Mosquela comeza convidando a poboación mudar o cambio de perspectiva da actual situación. “Temos que entendelo como un autocoidado, para evitar o propio contaxio, un coidado das outras e tamén como un exercicio de responsabilidade para que o brote remita”, afirma.

A maiores, recomenda estabelecer unha rutina para evitar caer en problemas como o imsomnio ou o desorde nas comidas e ademais evitar a ansiedade. 
Cómpre marcar uns horarios para as tarefas do fogar, outro para o lecer, outro para o autocoidado e ilos cumprindo; vivir o día a día sen tratar de anticiparnos ao que pode acontecer”, salienta, ao tempo que recomenda “facer algo de exercicio físico diario”.

Se ben anima á poboación a tratar de manter unha actitude positiva, nun confinamento coma o actual Mosquela explica que os momentos de tensión, de frustración ou malestar son comprensíbeis e normais. Nestes casos, unha chamada telefónica á familia ou as amizades “pode servir para compartir momentos, coidarnos e desabafar”.

No contexto dun momento de grande ansiedade, Mosquela indica que o mellor é chamar ao teléfono dun psicólogo ou psicóloga. “Hai pautas para facer exercicios de respiración e relaxación que nos sirven en momentos así”, di. 

E as crianzas?

Tamara Capelo é psicóloga e traballa habitualmente con crianzas. “Para comezar, cómpre explicarlles o que está a acontecer na medida do posíbel; é importante que saiban que non saír da casa non se trata dun castigo”, explica.

Capelo tamén fai fincapé na importancia de estabelecer rutinas. “Non sabemos cantos días pode durar esta situación, polo que é prioritario. As mañás poden ser as mellores horas para realizar actividades escolares”, comeza, “como é obvio estas non son negociábeis, mais si podemos consensuar a orde para facelas”.

No caso das familias con máis dunha crianza, recomenda tratar de pasar algo de tempo de xeito individualizado con cada unha delas. Tamén, que teñan “o seu tempo e espazo propios ao longo do día”. “As tardes”, prosegue, “pódense dedicar ao lecer, escollendo actividades creativas que non sempre estean relacionadas coas pantallas: pintar, xogar con masa de modelar ou facer unha actividade deportiva se contamos con certo espazo”.

Axudar na cociña, poñer orde nos cuartos, facer a cama ou poñer a lavadora poden integrarse no día a día das pequenas como un “xogo” máis.
“Mentres, debemos enchernos de paciencia. Son momentos de grande incertidume para nós, pero moito máis para as cativas. Por iso debemos reaccionar ante posíbeis enfados e momentos de tristura con comprensión, deixando que expresen as súas emocións e só propoñéndolles outra actividade cando se sintan preparadas”, recomenda.

Capelo remata a conversa cunha mensaxe que anima á  positividade. “Na medida do posíbel, é o momento tamén de gozar coas nosas familias e de facer xuntas algunhas desas actividades que por falta de tempo por causa do traballo, deixamos de lado”, afirma. 

“Respiros” informativos

“Debemos estar atentas ao decorrer da actualidade, mais atendendo as opinións das expertas e das fontes oficiais”, apunta a psicóloga Olegaria Mosquela, “todas temos unha opinión, mais nestes momentos partillar información cunha orixe pouco fiábel só acrecenta a ansiedade e o malestar”.

A propia Organización Mundial da Saúde recomenda á poboación “darse un respiro” da actualidade, dos medios de comunicación ou mesmo das redes sociais. “Escoitar repetidamente falar da pandemia pode ser desacougante”, salienta o organismo internacional. Ao tempo, recomenda concentrarse nas novas positivas que se partillan no día a día, como as que eloxian o traballo do persoal sanitario e outras traballadoras ou das doentes que se recuperan. 

Vía: https://www.nosdiario.gal