A compravenda de vivenda rexistra un descenso do 9% en Galicia en xaneiro. A baixada é anterior á crise polo coronavirus.
A compravenda de vivenda rexistrou un descenso do 8,9% en Galicia en xaneiro en relación ao mesmo mes de 2019, cun total de 1.552 operacións rexistradas, segundo informou este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE). Unha baixada que é anterior a crise polo coronavirus, polo que se prevé aínda un maior decrecemento a partir de marzo.
Mentres, o número de leiras transmitidas nos rexistros da propiedade en xaneiro situouse na comunidade autónoma galega nun total de 8.357, un 11,7% menos que no mesmo mes do ano anterior. Por cada cen mil habitantes, a cifra situouse en 382, mentres que no caso da compravenda de vivendas foi de 71.
A nivel nacional, a compravenda de vivendas baixou un 2,6% o pasado mes de xaneiro en relación ao mesmo mes de 2019, ata sumar 46.927 operacións, a súa menor cifra nun mes de xaneiro desde 2017.
En canto ás leiras rústicas e urbanas (vivendas e outros inmobles de natureza urbana), a nivel estatal as leiras transmitidas o pasado mes de xaneiro alcanzaron as 184.688, cifra un 7,7% inferior á rexistrada no mesmo mes de 2019.
Por compravenda transmitíronse un 5,1% menos de leiras, mentres que as transmisións por doazón subiron un 23,1% e as transmitidas por permuta retrocederon un 19,5%. Pola súa banda, as operacións por herdanza diminuíron un 7,5%.