As federacións de transporte piden concretar a proposta para abaratar o prezo das peaxes da AP-9 e non limitala só aos vehículos lixeiros.
O acordo de investidura entre o PSOE e o BNG inclúe a rebaixa dos prezos da autoestrada AP-9 para as persoas usuarias. As federacións galegas de transporte por estrada acollen con optimismo este compromiso, pero agardan a ter máis información para valoralo.
En calquera caso, unha modificación das tarifas permitiría ás empresas galegas reducir a súa factura nos desprazamentos pola Galiza e, ao mesmo tempo, gañar en competividade. Para iso, os transportistas piden que a rebaixa non se limite só aos vehículos lixeiros, xa que os pesados soportan tarifas que dobran as dos turismos e reducilas permitiría evitar os desvíos que moitos dos profesionais fan para non asumir os altos custos de percorrer a infraestrutura xestionada por Audasa.