O agro exixe medidas “coherentes” no estado de alarma polo coronavirus

O agro galego estaba, antes de xurdir a actual situación de emerxencia sanitaria, exixindo melloras urxentes para que non desapareceran as súas explotacións. Coa chegada da COVID-19 e o estado de alerta pasou a ser un dos colectivos imprescindíbeis para manter o abastecemento da poboación. As medidas que se tomaron até o momento por parte da consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura non semellan ir parellas ás necesidades do sector. 

A primeira preocupación estes días para as explotacións gandeiras e agrícolas galegas é unha cuestión administrativa fácil de solucionar mais que se non se atalla podería ter graves consecuencias sanitarias. “Nunha situación excepcional tería que haber medidas especiais”, asegura a Nós Diario Miguel Méndez, labrego e técnico do Sindicato Labrego Galego (SLG). Este sindicato vén de rexistrar un escrito dirixido á Axencia Tributaria (AEAT) no que lle pide “unha ampliación extraordinaria do prazo das declaracións e autoliquidacións correspondentes ao primeiro trimestre do exercicio 2020 para as actividades agrícolas e gandeiras” de maneira que se poidan presentar “conxuntamente coas declaracións e autoliquidacións do segundo trimestre do exercicio, sendo o remate do prazo 20 de xullo”. Méndez explica que este trámite é presencial pola falta de medios telemáticos na inmensa maioría das explotacións polo que en poucos días os desprazamentos e o perigo de contaxio por esta razón sería moi grande.  

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, cre “innecesario” expoñer a poboación por este motivo. Asegura a Nós Diario que “se a consigna é illarse na casa non ten sentido obrigar agricultoras e agricultores, moitas de avanzada idade, para que veñan ás nosas oficinas neste estado de alarma”.

O “disparate” de Medio Rural

De decisións que se poderían tomar a outras que se tomaron. O peche dos mercados locais e as restricións cara ao agro anunciadas pola consellaría de Medio Rural e publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) non sentaron nada ben ás organizacións agrarias. “É un disparate”, asegura Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), a Nós Diario. Enumera os anuncios contraditorios dos últimos días que dan unha idea “de descoordinación e descontrol” nas autoridades.

Miguel Méndez, do SLG, explica que os mercados poderían estabelecer protocolos, ao estar ao aire libre, “moito máis seguros que os que teñen agora mesmo os supermercados que non deixan de ser espazos pechados”. Afirma que “vai ser un golpe moi forte para a xente que traballa en ecolóxico e traballa a venda directa”. Méndez tamén discrepa da prohibición de non de traballar o autoconsumo a máis de 500 metros do domicilio. “Ou nos menten e o virus está no aire ou non se vai contaxiar alguén que vaia a súa finca”, asegura, “no rural é fácil manter as distancias”, engade.

Outra vez o prezo do leite

A situación de emerxencia sanitaria extrema que vivimos semella non modificar a ambicións dalgunhas empresas que comercializan leite galego. Desde Fruga denuncian malas prácticas estes días por parte do sector. “A algún gandeiro se lle pediu que baixara até 3 céntimos o prezo do leite por parte de Leite Celta nos contratos, algo inxustificábel agora mesmo”, relata a Nós Diario desde esta organización Elías Somoza, “se hai uns contratos asinados o lóxico que se prorroguen polo estado de alerta”, engade.

Sobre esta situación Roberto García, de UUAA, asegura a Nós Diario que o acordo que teñen coas industrias é que como para recoller o leite ten que haber un contrato asinado, segundo a actual normativa, “empregaremos un contrato de adhesión transitorio até retomar de novo a negociación”,  en todo caso nunca baixando os prezos”. Asegura que “é certo que pode haber determinadas empresas que ante a ausencia da posibilidade de presión e mobilización na rúa aproveiten”, mais engade que “cando pase esta situación sinalaremos esas industrias publicamente e terán o reproche moral do conxunto das consumidoras e consumidores”

Vía:https://www.nosdiario.gal