Dispárase a sinistralidade laboral coa volta ao traballo despois do confinamento

No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6,05. Galiza está á cabeza  en índice de incidencia en sinistros laborais mortais. Unha situación que os sindicatos afirman que vén de lonxe polo que piden unha convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo materia: Instituto Galego de Seguridade e Saúde (ISSGA), Inspección de Traballo, Xunta da Galiza e axentes sociais.
Accidente laboral
Accidente laboral

Galiza segue a liderar o índice de sinistralidade e mortalidade do Estado. Nos últimos días as cifras aumentaron de maneira alarmante no sector da industria cun mínimo de 6 traballadoras e traballadores mortos en accidentes laborais no que vai de mes. Esta situación, que os sindicatos cualifican como insoportábel, levou a CIG, CCOO e UXT a pedir a convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo.

Entre as causas deste elevada sinistralidade desde a CIG apuntan a un crecemento de persoal procedente das empresas de traballo temporal (ETT) e o aumento de servizos externalizados “como as empresas multiservizos, falsas autónomas ou Centros Especiais de Emprego que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais”.

O sector da automoción é un dos que máis aumentou a sinistralidade nos últimos anos.  Fernando Sabio, responsábel de CIG Saúde Laboral, asegura a Nós Diario que un dos factores principais de que isto aconteza é “o aumento do ritmo de traballo que se implantou e que chega a ser o dobre que hai 20 anos”. Segundo este sindicalista “hai unha auténtica pandemia de acumulación de lesións musculares” que “a industria, coa conivencia absoluta do Goberno e da dirección do Sergas, oculta continuamente”.

Desde a central nacionalista constataron que na automoción “hai persoal novo que ingresa en cadeas de montaxe e en sete anos teñen lesións cronificadas invalidantes, polo que quedan sen traballo por causas obxectivas, lesionados e sen poder traballar”. 

Falta de investigación das causas

As críticas contra esta situación son contundentes. Sabio afirma que “hai unha conivencia mafiosa coas mutuas por parte do Goberno galego e crese que as traballadoras e traballadores accidéntanse para non ir a traballar”. Unha das consecuencias desta situación, segundo o sindicalista, é que “moitas persoas, a pesar de ter lesións ou recuperacións que non son completas, teñen que seguir traballando ou regresar ao traballo”. O aumento de accidentes parte, para Sabio, “de que non se investigan ou non se declaran como accidentes profesionais” polo que “as súas causas non se subsanan e reprodúcense máis adiante”.

Vía: https://www.nosdiario.gal