Unha parte do sector agroalimentario galego, o das cooperativas, comeza a sentir certo nerviosismo. Son conscientes do seu papel de “ponte” entre as explotacións e o mercado, motivo polo que constatan que as boas cifras de 2019 poden pasar a ser negativas este ano se as Administracións non actúan de maneira urxente unha vez coñecido o fondo de reactivación da UE.
As cooperativas agroalimentarias galegas están consideradas un sector esencial e como tal continuaron traballando durante o estado de alarma. Son unha fonte importante de ingresos e de creación de emprego para o rural e coa crise económica, froito da pandemia, ollan con incerteza o seu futuro.
O pasado 29 de xullo a Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca) realizou a súa XXXII Asemblea Xeral Ordinaria en Compostela, de modo presencial e telemático a un tempo, reunindo ás 88 entidades que a integran. Representan a máis de 28.000 explotacións de agricultura e gandaría en todo o territorio e no encontro analizaron a situación actual partindo das boas cifras de negocio que tiveron o ano pasado.
Aumento na facturación das cooperativas en 2019
Segundo Agaca as cooperativas agroalimentarias galegas, a día de hoxe con 6.000 traballadoras e traballadores, están a resistir a crise económica actual froito da pandemia. Na súa asemblea presentáronse os datos de 2019 que sinalan unha facturación algo superior aos 1.150 millóns de euros e máis de 680 millóns nas sociedades mercantís da súa propiedade, o que fai unha suma global de 1.830 millóns de euros, que representa un incremento aproximado de 2% a respecto do exercicio anterior. Para esta asociación o seu papel vai máis alá do económico posto que prestan numerosos servizos ás zonas rurais da Galiza fixando poboación.
Incerteza pola falta de regulación das axudas
“Estamos nunha situación de incerteza nunca antes vivida”, recoñece a Nós Diario Higinio Mougán, xerente de Agaca, “un dos principais problemas é que os prezos están retrocedendo mesmo nalgúns casos até niveis inviábeis”, afirma.
As cooperativas fan de ponte entre o produtor e o mercado e esta situación, segundo Mougán, “preocupa”. Asegura que hai sensación de inseguridade sobre como se desenvolverán as Administracións galega e española para axudar o sector. Non sentou nada ben o anuncio da Unión Europea do descenso de algo máis de 10% das axudas da Política Agraria Común (PAC) mais agardan que se compense cos fondos de reactivación, tamén anunciados no marco comunitario.
En relación ás axudas no terreo estatal desde Agaca afirman que “hai moi poucas e só queda a de flores e plantas vivas”, algo semellante ao que acontece coa Xunta da Galiza onde desde Medio Rural agardan a tramitación “entre agosto e setembro dalgunhas ademais de contar cunha axuda especial a final de ano que dependerá do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) europeo.
A preocupación de Agaca é que por agora non hai un marco administrativo para regular todas estas axudas nin como serán. “Agardamos que se vaia cara a un reequilibrio da cadea de valor e non se lle traspase ás agricultoras e aos agricultores nin a produtoras e produtores a caída de prezos”, explica Mougán, “estamos nunha situación de nerviosismo”, engade.
Vacún e carne, os máis afectados
Desde Agaca indican que neste intre “é prioritario reactivar plenamente os mercados máis afectados, como son o de vacún de carne, moi sacudido polo feche do canal Horeca, e o de carne de aves, con prezos aos gandeiros moi baixos que non garanten rendibilidades mínimas”.
Demandan apoio, tamén, “para as adegas cooperativas na comercialización estatal e internacional dos excelentes viños galegos para facer fronte á vendima que se aproxima”, así coma un apoio especial ao sector de flores e plantas vivas, que non puido comercializar a abundante produción de primavera. Neste sentido solicitan unha “defensa firme do sector ante a imposición dos aranceis dos EEUU ao sector do viño e os novos aranceis que se van xerar co Brexit aos produtos galegos”.