O sector reclama a Bruxelas activar as axudas a través do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro
A escalada de medidas tomadas polos distintos gobernos está a provocar unha caída na demanda de peixe, así como unha considerábel baixada de prezos en determinadas lonxas con flotas de baixura. Ante esta situación, que pode levar ao cese das actividades pesqueiras nalgunas zonas, o sector pesqueiro europeo, agrupado na organización Europêche, da que forma parte a Confederación Española de Pesca (Cepesca), vén de solicitar ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Unión Europea, Virginijus Sinkevicius, a adopción de “medidas urxentes e extraordinarias” para afrontar o impacto socioeconómico causado polo coronavirus.
Neste senso, o sector considera “prioritario” que Sinkevicius comunique tanto aos gobernos como á propia industria, os fondos e as axudas financeiras europeas á súa disposición, tales como as regulacións de minimis ou o Fondo Europeo Marítimo e Pesquero (FEMP), así como a posta en marcha dos mecanismos necesarios para a activación de medidas extraordinarias.
Segundo o sector pesqueiro, e posto que o actual FEMP non permite axudas por paralización temporal debido a unha crise sanitaria, estas medidas deberían incluír a posibilidade de que as pescadoras e as operadoras da UE reciban axudas e compensacións polo cese temporal da súa actividade a consecuencia da pandemia.
Así, solicitan ao comisario a modificación urxente do artigo 33 do actual FEMP e incluír nel esta posibilidade, dado o caso de forza maior que supón esta crise, así como a autorización para que os Estados membros poidan ser flexíbeis á hora de reprogramar o FEMP e que as medidas poñan en práctica sexan financiadas polo fondo. Tamén ven necesaria a adopción de medidas para compensar as perdas económicas naqueles casos nos que estas fontes de financiamento non sexan suficientes a longo prazo.