Os talleres galegos ingresan 171 millóns de euros pola reparación dos danos detectados nas inspeccións de vehículos.
Unha de cada catro galegas suspende á hora de pasar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) co seu coche. Con 28%, Galiza é o terceiro territorio do Estado español con máis porcentaxe de vehículos rexeitados, máis de 347.000 cada ano. Os traballos para reparar os danos detectados supoñen unha facturación de 171 millóns de euros para os talleres asentados no país, segundo os datos dun informe presentado onte pola consultora Solera.
No conxunto do Estado español, a factura dos talleres por este concepto ascende a 2.100 millóns de euros anuais, unha cifra que segundo podería aumentar 25%, até 2.600 millóns de euros, se os máis de catro millóns de turismos e vehículos comerciais lixeiros que se saltan as revisións obrigatorias comezaran a pasalas.
Precisamente, rematar con este absentismo é un dos obxectivos da patronal AECA-ITV, que vén de exixir ao novo Goberno de Pedro Sánchez medidas para rematar con estas conductas, entre as que destaca a prohibición de renovar o seguro se o vehículo non ten superada a inspección técnica regulamentaria nos prazos pertinentes.
Parque envellecido
As persoas autoras do estudo destacan que a taxa de rexeitamentos está estreitamente ligada co envellecemento do parque móbil. De feito, os que suman máis anos adoitan e presentar de media dous danos graves por vehículo. José Luis Gata, responsábel de Postventa de Solera, incide en que as condutoras deben ver a ITV como unha continuidade da garantía do fabricante, pero tamén é un importante sustento para os talleres, que ven ameazada a súa rendibilidade polo avellentamento do parque e pola diminución do número de vehículos pola irrupción de novas formas de mobilidade.