Unións Agrarias denuncia a entrada masiva de leite foráneo

Unións Agrarias alerta da chegada ao Estado de até 30 camións diarios cargados con leite procedente de Francia e Portugal. Advirte que este feito vai provocar unha “caída en fervenza” das cotizacións do leite en orixe, sobre todo na Galiza,

A crise do coronavirus trouxo consigo un consumo de produtos desmedido por parte da poboación. Os primeiros días, o papel hixiénico foi unha das mercadorías máis demandadas, pero o leite e os seus derivados tamén están entre as que máis solicitan as consumidoras. Esta situación provoca que as industrias estean a traballar a pleno rendemento para satisfacer dita demanda. O problema, como denuncia o sindicato Unións Agrarias, é que para iso están dando entrada de forma “masiva” a leite e derivados producidos por debaixo de custos procedentes de Francia, Alemaña e Portugal. 

A organización asegura que ten cuantificados até 30 camións cisterna diarios, o que equivale a perto dun millón de litros de leite, cruzando a fronteira para dar resposta ao incremento da demanda nas grandes superficies. “Esta situación está a ser aproveitada polos países con excedentes na produción láctea para saldar as súas exportacións de leite líquido e derivados (fundamentalmente queixo alemán) cara ao mercado estatal con prezos de 14 céntimos por litro”, denuncia o sindicato.

Unión Agrarias advirte de que este feito vai provocar unha “caída en fervenza” das cotizacións do leite en orixe, sobre todo na Galiza, onde se produce 40% de todo o Estado español, e onde están a día de hoxe os prezos máis baixos.

nte esta situación, o sindicato fixo un chamamento tanto ao Goberno español como á Xunta para que extremen a vixilancia sobre estas prácticas e fagan públicos os datos de entrada de leite no Estado español. Nesta liña, tamén reclama que se extreme o seguimento de trazabilidade das cisternas para impedir que o leite que transportan non acabe envasado como se fose leite nacional.

Avisos en Francia

Pola súa banda, segundo avanzan desde Unións Agrarias, as empresas de envasado están a remitir cartas ás súas gandeiras en Francia para advertilas de que teñen que baixar a produción porque non atopan mercado para colocar tanto leite, salvo saldando con destino ao Estado español, unha situación que explica, en opinión do sindicato, a posición baixista das empresas nas negociacións que mantiveron na Galiza coas transformadoras nas últimas semanas.

Vía: https://www.nosdiario.ga