O Instituto Galego de Estatística (IGE) amosa uns datos abafantes para a evolución da economía galega. A información, tirada do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme), concorda coa caída do número de autónomos e autónomas. O colectivo ten unha fonda preocupación polo futuro máis inmediato e agarda que se contabilice un maior número de baixas en “setembro e outubro”
A economía galega non é quen de remontar despois duns meses a un ritmo moi baixo. Malia que as grandes empresas seguen a manter uns resultados importantes, as emprendedoras e os emprendedores non están a apostares por crear novos negocios que sosteñan a evolución da Galiza. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar os datos de altas de compañías do mes de xuño e, ao sumar o primeiro semestre do ano, os rexistros foron un 30% menores que no mesmo período do ano pasado.
En total o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) fixo públicas 1504 incorporacións a rede empresarial do país, fronte ás 2134 que se deron entre xaneiro e xuño de 2019. O resultado é malo se ben algúns consideran que, dada a situación, o número deste ano pódese interpretar como elevado. Na gran maioría dos casos, os negocios que viron a luz na Galiza no que vai de ano se crearon coa figura das sociedades de carácter limitado.
Estiveron a Mariña Oriental, o Barbanza e O Ribeiro para liderar as excepcións e amosar que aínda nos malos momentos poden xurdir iniciativas económicas interesantes. Alí os resultados foron mellores que nos primeiros meses de 2019, desafiando calquera crise. Tamén ascenderon as altas no rexistro mercantil na comarca de Muros, na Limia e no Ribeiro.
Comarcas cun pulo emprendedor
Nas sete grandes cidades -e nas súas comarcas- contabilizáronse importantes caídas como se foi observando mes a mes, mentres outras áreas do país sorprenderon tendo un maior movemento empresarial en pleno peche. Na capital galega, sen ir máis lonxe, sumouse case medio cento menos que un ano antes.
Pola contra, nos concellos do Barbanza houbo 41 nacementos de negocios cando un ano atrás só celebraran 33. No caso de Muros inscribíronse dúas empresas máis e na Mariña Occidental o crecemento foi de sete compañías. No Ribeiro o número de sociedades a estrear pasou de catro a 11 a pesar das dificultades coas que se atoparon os empresarios e emprendedores
Outras áreas se mantiveron nunha situación similar: Arzúa con nove apuntamentos no rexistro mercantil; Terra de Soneira (10); Xallas (3); Os Ancares (3); Meira (2); Verín (10) e Viana (3). O groso da baixada do 30% deuse no resto de comarcas, cun papel moi importante naquelas zonas lindeiras coas principais urbes.
Preocupación entre as autónomas
Diante desta situación e das trabas xerais no mercado empresarial, as autónomas e os autónomos testemuñaron a súa fonda preocupación. O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) a nivel estatal, Lorenzo Amor, destacou que o número de traballadores por conta propia descendeu en máis de 1.900 persoas na Galiza no primeiro semestre de 2020. “Os datos non son bos”, resaltou, á marxe de certa suba en xullo.
En declaracións a Nós Diario, o presidente de ATA Galiza, Rafael Granados, compartiu a teoría de que as baixas “están freadas e vanse notar a finais do verán, en setembro e outubro”. É dicir, aínda non se deixaron notares todos os efectos desta crise sen referencias comparativas.
Granados propón a idea de que agora as persoas activas acollidas a este réxime de traballo están percibindo axudas do Estado de xeito que non se contabilizaron tantas despedidas.
Porén, á prorroga das medidas para paliar os efectos económicos nas contas dos autónomos impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, ten agora máis atrancos quer porque os autónomos con cota reducida “non teñen cotizado durante doce meses pola prestación do cese de actividade”, quer porque resulta moi complexo “demostrar o 75% de perda” de ingresos en relación á mesma etapa do ano pasado. É posíbel que moitos teñan que devolver os subsidios sumándolles un recargo.
Facturacións perigosas
“Levamos tres meses de facturacións ridículas e se pasamos outros tres meses con perdas do 75% moitas empresas van ter que cerrar”, afirmou, insistindo en que estas más novas notaranse “en setembro e outubro”.
Polo momento, entre decembro do ano pasado e xuño desapareceron 1908 autónomos como número medio. Agora ben, analizando os datos de “último día”, como suxire Granados, a diminución sería de 2312 traballadores independentes.
Para loitar contra esta problemática, que xa está a facer moito dano a economía do país -ao igual que o freo na alta de empresas-, o representante de ATA Galiza demanda unha “ampliación das axudas” para que non sexa tan complexo cumprir os criterios para as pediren. Tamén solicita “unha rebaixa fiscal porque precísanse inxeccións económicas directas”.