A actual crise sanitaria está detrás dunha crise económica maior que a de 2008 segundo expertos económicos. Hai máis dunha década moitos países (boa parte deles presionados desde fóra) optaron polosrecortes, control de gasto e rebaixas en pensións e salarios públicos, a chamada “contención”. Agora pola contra, parece que os orzamentos expansivos, a ampliación de certas coberturas sociais e unha actitude máis “benevolente” da Unión Europea, entre outros organismos, buscan permitir a reactivación económica durante e sobre todo despois de que pase “o máis gordo” do actual contexto sanitario, social e económico.
Gráfica con salarios mínimos UE | Fonte: elordenmundial.com
A recuperación pasa, segundo varios axentes sociais, polo aumento do poder adquisitivo da maioría. Inxectar diñeiro de tal maneira que as familias non pasen por grandes dificultades e poidan superar o risco de pobreza. Unha das vías de “inxección” é a ampliación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que, xunto coa implantación do Ingreso Mínimo Vital, permitiría certa seguridade económica para amplas capas da poboación. Así e todo, as negociacións para a suba do SMI non serán doadas debido ás posturas antagónicas entre os axentes sociais.
É O MOMENTO?
Dentro da Unión Europea vinte e un países teñen fixado por lei un salario mínimo (Suecia, Finlandia, Austria, Chipre, Dinamarca e Italia, non o teñen). A tendencia dentro deste grupo maioritario é de, polo menos, negociar o incremento paulatino do mínimo salarial. Está preparada a economía española e por extensión a galega, para un incremento do SMI?
“Non cremos que sexa o momento para subir o SMI” di Jorge Cebreiros da Confederación de Empresarios de Pontevedra. “Agora mesmo hai empresarios e autónomos que non poden afrontar subas salariais debido á situación das súas empresas”, de aí que boa parte do tecido empresarial pida a conxelación dos 950 euros actuais do SMI.
(I-D) O presidente de CEOE, Antonio Garamendi; o líder de UGT, Pepe Álvarez; a ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o presidente de Cepyme, Gerardo Cuevas; e o líder de CCOO, Unai Xordo, nunha imaxe de arquivo. Marta Fernández Xara – Europa Press
Desde CCOO, Maica Bouza, declara que “non entendemos por que agora (os empresarios) piden a conxelación cando o ano pasado asinaron o acordo para subir a 1.000 euros por mes” máis dúas pagas extras. “Somos sensibles á situación que pasan moitas empresas nestes momentos e aínda así se poden buscar saídas negociadas” declara Bouza.
“Que tecido empresarial temos que non pode soportar unha suba de 9 euros por mes?” declara José Antonio García, secretario xeral de UGT Galicia. O secretario xeral de UGT en Galicia lembra que a OIT declaraba que un salario mínimo é unha extensión da cobertura para as traballadoras e traballadores. Por que entón as reticencias? “A suba afecta a sectores que aplaudimos durante esta crise sanitaria, limpeza, traballadoras de residencias para maiores e outros sectores aos que non queren subir un paupérrimo 0.9%”.
Pola súa banda, a CIG creou o informe de Ingresos Salariais en Galiza en 2019. O documento “constata o aumento das desigualdades entre as persoas asalariadas, a importante perda de poder adquisitivo e o alarmante avance da precariedade na clase traballadora galega”. O informe tamén recolle que a pobreza se está extendendo entre os e as traballadoras en Galicia onde “9 de cada 10 contratos son temporais, máis de medio millón de persoas”.
Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, considera que as peticións de conxelación do SMI responde á “presión da patronal coa excusa da COVID, que non hai traballo ou que están en ERES”. Aínda máis “ese é o discurso agora, despois volverá ser coas consecuencias da COVID e logo será coas consecuencias da crise de 2008”.
CANTO DEBERA AUMENTAR O SMI?
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, apuntou a intención do seu departamento de pór sobre a mesa a suba aos 1.000 euros. A CEOE non vía que este fose o momento para subas senón de afrontar as consecuencias da pandemia. Díaz declaraba daquela que “ninguén entendería que se subisen as pensións e salarios de funcionarios un 0.9% e non o SMI”. A ministra xustificou esta postura en base aos anuncios de aumentos en países da UE. Á parte, Díaz sinalaba que os convenios colectivos estaban a revalorizarse entre o 1,5% e o 1,8%, por iso “non sería comprensible” a falta de aumento salarial en traballadores fóra de convenio.
Desde a CEP, Jorge Cebreiros apunta que “se estivesemos en normais poderiamos estar asinando subas do 1,5% ou 2,5%, subir cara un mínimo non é o problema”. Alén diso, Cebreiros non ve ningún problema en ir subindo cara un mínimo, “mais para iso están os convenios e a mesa de diálogo social, para chegar a un acordo e indexar outros puntos ao SMI”.
Pola súa parte a CIG apunta á Carta Social Europea, que declara un salario mínimo como o equivalente ao 60% do salario medio dun país. Desta maneira, segundo os datos que ofrece este sindicato, o salario medio en España estaría en 1.917 euros segundo o INE. O SMI, segundo estes cálculos estaría en 1.150 euros.
UGT Galicia tamén coincide con esta cifra do 60% do salario medio. O que ven desde esta forza sindical é que a negativa actual ao incremento tería a súa relación “co reparto da pobreza que pretenden algúns” marca García, porque “mentres as rendas do capital crecen sobre o 3,8%, a renda da clase traballadora caeu sobre un 11.8% dentro do PIB”.
Sen aportar unha cifra concreta, Ricardo Castro non ve impedimento ningún para non aumentar os salarios mínimos dentro duns orzamentos que destinan “cartos para defensa e seguridade, educación concertada ou sanidade privatizada, para iso non debera haber cartos públicos, mais hainos”.
AUMENTO DO SALARIO E AUMENTO DE PREZOS
A caída da renda da clase traballadora implica a falta de poder adquisitivo, por tanto non afrontar subas dos prezos. Jorge Cebreiros cre que para unha negociación sobre aumentos salariais debería indexarse o IPC. “As administracións non indexan prezos porque non figuran nos convenios asinados. A administración non observa os incrementos de prezos desde o seu terreo”. O incremento dos custes de produción sería outro punto argumentado polos empresarios para pedir a conxelación do SMI actual.
“O maior custe que soportan as empresas son oscustes enerxéticos” que sube cada ano “e non vexo eu unha folga ou protesta xeneralizada cando hai suba dos custes financeiros” apunta Maica Bouza. “O incremento salarial non ten porque levar aparellado un incremento xeral dos prezos de servizos básicos”. En concordancia con isto último, o economista Pedro Rey sinala que “desde o comezo da crise é que a pesar dos altos índices de inflación” os prezos “seguen sen subir”. Rey sinala ademais que “o que faltan son rendas suficientes para mercar o que produce a UE internamente”.
“Se temos subas de prezos en produtos de primeira necesidade é porque o permite o mercado” di Ricardo Castro. Para o secretario xeral da CUT, os prezos tamén se poden regular desde o Goberno, “como pode facelo coas tarifas eléctricas e aínda así son políticas que non quere facer”.
OUTROS OITO MIL TRABALLADORES MÁIS EN ERTE
Segundo datos da Seguridade Social o número de traballadores en ERTE pechou o mes de decembro en 755.613 persoas, o que supón 8.033 traballadores máis que en novembro.
Desde o momento máis duro da crise, a finais de abril, o número de
persoas en ERTE reduciuse en 2,8 millóns, o que supón que a peche de
2020 os afectados por ERTE eran un 79% menos dos que había en abril.
O Departamento que dirixe José Luís Escrivá destacou que esta cifra de 755.613 traballadores en ERTE supón manter a senda de “estabilización”
iniciada no mes de setembro a pesar das restricións administrativas que
se adoptaron para conter a segunda onda da pandemia. De media, segundo a
serie por data de alta, no mes de decembro houbo 782.915 persoas en
ERTE, fronte ás 865.677 da serie revisada do mes anterior e as 676.905
do mes de outubro.
A suba do SMI en Galicia afectaría, segundo CCOO a uns 100.000 traballadores dentro dun total de 900.000 persoas activas no mercado laboral galego. Isto quere dicir que 800.000 persoas estarían supeditadas a subas ligadas aos convenios sectoriais e de empresa. Os incrementos ligados a convenios de empresa na negociación colectiva é superior ao 1%. As persoas suxeitas a un SMI están, polo de agora, pendentes dun incremento inferior, o 0,9%.
Salarios Mínimos en Europa | Fonte: elordenmundial.com