Foro Económico empeora as súas previsións: a caída no PIB galego pode ser de até 19%

Pola crise derivada da pandemia do coronavirus

O Foro Económico da Galiza actualizou as súas previsións económicas para este ano, de forma que estima que a caída do Produto Interior Bruto (PIB) galego polo impacto do coronavirus oscilará entre 8,5% e 12,7%.

Hai xusto un mes, o Foro Económico cifraba o descenso da economía galega para 2020 entre 5,6% e 7,4%, unha previsión que vén de empeorar. O feito é que as afectacións “están a ser máis prolongadas e intensas do que prevían as primeiras análises”.

Estes economistas avisan de que Galiza enfronta “un shock económico” durante 2020. De feito, consideran “indispensábel” evitar un novo confinamento, pois afirman que podería acentuar o retroceso do PIB até 19%.

Así, debuxan dous escenarios probábeis en función da intensidade do impacto da pandemia, cun horizonte de recuperación a medio prazo. Para iso utilizáronse dúas metodoloxías, a primeira consiste en anticipar a evolución trimestral ao longo de 2020 en 30 ramas de actividade e, por outra banda, utilízase un modelo de equilibrio xeral dinámico que anticipa a reacción dunha economía ante unha perturbación exóxena (a COVID-19).

No escenario A prodúcese unha diminución do PIB do 8,5%, no que se recuperarían no último trimestre as taxas intertrimestrales positivas. Esta é a perspectiva “optimista” pola que apostan os analistas da economía galega e que se produciría se se respectan as medidas sanitarias e se a evolución da pandemia mantense no ritmo de contención actual.

Diferentes escenarios

No segundo escenario considérase que os efectos da Covid-19 van máis aló do confinamento e da consecuente imposibilidade de traballar, cunha alteración do funcionamento normal da economía no terceiro e cuarto trimestre. Os datos son peores e estímase que a caída do PIB chegaría a 12,7%. Neste caso non se produciría recuperación no último trimestre do ano e habería que esperar ao primeiro trimestre do 2021 para ver taxas positivas.

Así mesmo, o Foro Económico analiza que ocorrería se houbese un rebrote de contaxios no outono, coa consecuencia dun novo confinamento. Este caso, habería un “gravísimo efecto” para a economía galega, que tería unha contracción de en torno ao 19%.

Os estudos que analizan a evolución dos distintos sectores sinalan que no estado de alarma o impacto máis relevante produciuse nas actividades de hostalaría, lecer e restauración; así como no comercio non vinculado a actividades esenciais e na industria de fabricación de automóbiles.

Este informe de conxuntura contou co profesor da Universidade de Vigo José María Da Rocha Álvarez, ademais do equipo habitual coordinado por Fernando González Laxe, Santiago Lago, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez Fernández.

Vía: https://www.nosdiario.gal