O sector hostaleiro prevé unha avalancha de despedimentos após o confinamento se non contan con axudas para manter ao persoal.
O decreto que estabeleceu o estado de alarma trouxo consigo o feche inmediato de toda a hostalaría, un sector do que viven milleiros de familias na Galiza. As persoas autónomas empezan agora a cobrar polo cese da actividade, pero a maioría ten xa posta a vista no que vai acontecer cando todo isto pase.
Como recoñece Lois Lópes, directivo da Asociación de Hostalaría de Compostela a Nós Diario, “a incerteza é total. Non se sabe como, nin cando nin como vai ser a volta”. O que si ten claro é que as medidas artelladas até o momento “son insuficientes”. “O dos ERTE é un parche, porque non creo que revisen a obriga de manter o emprego 6 meses”, sinala o directivo, quen pide ás Administracións unha dose de realismo. “Ninguén pode pretender que cando retomemos a actividade estea tan ben como cando a deixamos. Nós contratamos persoal en función da demanda e cando todo isto pase imos ter que mandar xente á súa casa“, advirte.
A única solución que ve Lópes para manter o emprego no sector é que se aproben axudas a fondo perdido para este fin. “As axudas teñen que ser a fondo perdido porque os créditos ICO (Instituto de Crédito Oficial) están en mans das entidades bancarias, que fan o mesmo que fixeron en 2010, colocarllos aos mellores clientes, que non sempre son os máis necesitados. E aínda que cho dean, tes que devolvelo”, critica. “Tampouco se prevé un escenario de recuperación como para que dentro dun ano teñamos capacidade para comezar a devolvelo. Iso é adiar o problema”, sinala o directivo.
Parches para saír do paso
As empresas de hostalaría pararon, pero manteñen unha certa actividade cos locais. Hai que pagar hipotecas e préstamos, ao que hai que sumar as que teñen alugueiros, un tema que, como apunta Lópes, “aínda non está resolto e fíase á boa vontade do arrendador”.
Eses gastos, como os dos consumos de gas e luz, van agravando a situación financeira destas empresarias. As compañías eléctricas teñen a obriga de facilitar a modificación da potencia contratada, pero como explica Lois Lópes, dispoñen de cinco días para facelo e outros tantos para restituíla, e o que non pode ser é que “perdas de abrir por non ter actualizada a potencia contratada”. Nese senso reclama, por exemplo, que se eliminen os impostos especiais sobre enerxía, que nun local como o seu pode representar até 400 euros.
“Se se quere salvar a situación da mellor maneira posíbel co menor impacto, todo iso hai que revisalo, ampliar os prazos de devolución, axudas a fondo perdido, aprazamentos a maiores dos xa estabelecidos e dar facilidades. Non digo que non se teña que pagar, pero si que non se pode pagar o que non se xera”, indica.
Tamén se pregunta que pensan facer as administracións locais coas taxas por ocupación de vía pública, de augas, de lixo, IBI (Imposto de Bens Inmóbeis),… Lópes cre que unha compensación polo tempo que estiveron fechados os negocios “cae de caixón”. Nesa mesma liña, e tendo en conta que as terrazas non van xerar o mesmo negocio que antes da crise, as taxas “deberían revisarse. Se non pode ser para 2020, polo menos para os anos posteriores”, porque xa nada volverá ser como antes.