O IPC rematou o ano na Galiza cun incremento de 0,7% pola suba dos combustíbeis.
A chegada do novo ano trouxo consigo subas de prezos especialmente significativas no transporte, e máis en concreto nas peaxes da AP-9. En 2019, o transporte foi precisamente o sector no que máis aumentaron os prezos. Fixérono 3,4%, segundo os datos que publicou esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). Séguenlle moi de preto o sector da restauración (hoteis, cafés e restaurantes), que experimentou un alza de 3%, e o ensino 1,8%.
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) fechou 2019 na Galiza cunha suba de 0,7% respecto ao ano anterior, lixeiramente inferior á media do conxunto do Estado español, de 0,8%. Estadística atribuíu a alza da taxa interanual do IPC de decembro á suba dos prezos dos carburantes e, en menor medida, á dos prezos do transporte aéreo. Tamén incrementaron o seu prezo os alimentos e bebidas non alcohólicas (1,2%), mediciña (1%) e vestido e calzado (0,9%), entre outros. Pola súa banda, baixaron os da vivenda (-5,4%), ocio e cultura (-0,4%) e as bebidas alcohólicas e o tabaco (-0,1%).
A suba puido ser maior de non ser porque os prezos moderaron o seu crecemento no último mes do ano. Descenderon 0,1% en decembro respecto a novembro como consecuencia da baixada dos prezos no vestido e calzado (-2,4%) e en vivenda (-1,1%).