A Consellaría de Medio Ambiente publicou onte a orde pola que, de forma provisional, declara a contorna da Torre de Hércules, na Coruña, como Espazo Natural de Interese Local, ENIL, unha figura de protección encadrada dentro da Lei de Conservación da Natureza e que designa, a proposta dos concellos, espazos naturais merecedores de medidas específicas de protección polo seu valor ambiental.
Trátase dun espazo de apenas 39,48 hectáreas que comprende a península na que se asenta o faro. Del, a Xunta salienta a súa “extraordinaria mostra de diversidade”, con alusión específica ás pozas permanentes e estacionais dos rochedos litorais e nos campos, e ao rego da lagoa, “un dos escasos que se conservan no concello”.
Con esta declaración, que require para a súa concesión definitiva que o Concello elabore un plan de conservación para a zona antes de dous anos, A Coruña obtén o seu segundo ENIL, tras a declaración –tamén provisional– das illas de San Pedro en 2017.
O ENIL da Tórre súmase así aos outros sete que existen na Galiza, como son, ademais do das illas de San Pedro, o de Xunqueira de Alba, en Pontevedra, Loio-Ruxidoira, en Paradela, Puzo do Lago, en Maside, A Voutureira, en San Cibrán das Viñas, o do río Gafos, ao sur da cidade de Pontevedra, e o ecosistema dunar praia América-Panxón, en Nigrán.