O peixe e as patacas, que algúns produtores tiveron que regalar, aumentaron o prezo un 2,7% en abril

Por que subiron os prezos, cando houbo quen tivo que tirar os seus produtos?. Tamén aumentou o prezo de legumes e hortalizas e o marisco, así como os produtos de limpeza, comida procesada e roupa.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) en Galicia baixou un 0,9% en abril en Galicia en comparación co mesmo mes de 2019, nunha taxa negativa que é lixeiramente máis elevada que a media española (-0,7%), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Pero, a pesar da crise, o que máis creceu era aquilo que só se podía mercar en grandes supermercados, os produtos frescos e de alimentación, que aumentaron case un 3% o prezo.  Curiosamente, moitos pequenos produtores e armadores queixáronse de que tiveron que tirar ou regalar a súa mercadoría mentres subía nas grandes superficies.

Así, os alimentos frescos elevaron os seus prezos un 2,6%, destacando os aumentos de legumes e hortalizas frescas, que subiron un 10,4% respecto de marzo; o marisco fresco (+3,5%), o peixe fresco (+2,7%) e as patacas (+2,6%). Por contra, o maior descenso anotoullo a carne de ovino (-2,1%), seguido dos xeados (-1,2%) e das bebidas espirituosas e licores (-1%).

Os alimentos envasados, pola súa banda, incrementaron os seus prezos un 0,7% en taxa mensual, debido fundamentalmente á subida das pizzas (+3,6%), e as pastas alimenticias e os zumes de froitas (+2,5% en ambos os casos).

Entre os produtos non alimentarios máis consumidos durante o confinamento destacan polo seu aumento de prezos no mes de abril os produtos de limpeza do fogar, cunha taxa mensual do 1,2%, e os outros artigos non duradeiros para o fogar, cunha subida do 1%.

Destaca así mesmo o encarecemento da roupa de neno e bebé (+16,9%), as pezas de vestir de muller (+13,1%) e do calzado infantil (+8,5%).

ESBORRALLE DE COMBUSTIBLES E TRANSPORTE EN GALICIA

No lado contrario están o abaratamento dos carburantes e combustibles e da electricidade e o gasóleo para calefacción.

En comparativa interanual, o epígrafe correspondente con vivenda, auga, electricidade, gas e outra combustibles baixa un 8,2% en Galicia. Tamén en negativo están transportes (-7,6%) e lecer e cultura (-0,7%). O resto de áreas aumentan prezos, cos alimentos e bebidas non alcohólicas á cabeza (+4,1%).

Respecto de marzo, a maior baixada prodúcese no transporte (-3,4%), seguida de vivenda, combustibles e electricidade (-2,8%). O vestido e calzado teñen o maior repunte (+9,8%), mentres o prezo de alimentos aumenta un 1,7%.

A ELECTRICIDADE ABARÁTASE UN 5,8% NO MES

Pola súa banda, os prezos do ‘grupo especial servizos Covid-19’, no que figuran os servizos de aluguer de vivenda e garaxe, a distribución de auga, rede de sumidoiros, recollida de lixos, gastos comunitarios, electricidade, gas, gasóleo para calefacción, telefonía, música e televisión en ‘streaming’, seguros, comisións bancarias e servizos funerarios, diminuíron un 1,5% en abril respecto de marzo.

Vía: http://www.galiciaconfidencial.com