Galiza ten a maior porcentaxe de teletraballadoras do Estado español

A expansión do coronavirus (COVID-19) está levando a moitas empresas contemplar o teletraballo como unha saída para as súas empregadas en caso de illamento por corentena. Na Galiza, esta práctica está xa bastante estendida, tanto nas firmas privadas como na administración pública.

A rápida expansión do coronavirus está a sacudir a economía a mudar o xeito de traballar de moitas compañías. Nas últimas semanas, foron moitas as empresas que, ante o risco de contaxio dalgunha das súas empregadas, prepararon plans de continxencia. Unha das medidas máis repetidas neses plans é o teletraballo, o que lles permite que a traballadora poida seguir a desenvolver as súas funcións aínda que teña que permanecer en corentena na súa casa. 

Para boa parte das empresas, esta medida é unha novidade que pode servir para testar tamén a súa posíbel extensión no tempo, pero na Galiza o teletraballo xa non é tan descoñecido. De feito, un estudo presentado por Addeco revela que un 10,3% das ocupadas galegas traballan, a lo menos de forma ocasional, dende os seus fogares, o que sitúa ao país á fronte dos territorios do Estado español en materia de teletraballo. Esta porcentaxe equivale a preto de 112.500 persoas que se estarían a beneficiar deste tipo de medidas de conciliación. Ademais, segundo os datos de Addeco, o número de teletraballadoras crece ano tras ano. En 2019, foi de 1,3%, e coa epidemia de coronavirus seguramente se dispare.

Tamén na Administración

As empregadas que apostan no teletraballo non son unha exclusiva da empresa privada. Na Galiza, a Xunta puxo en marcha un plan de conciliación da vida laboral, persoal e familiar no que a flexibilidade horaria e o teletraballo eran os dous eixos fundamentais de actuación. 

Na actualidade son preto de 11.000 as empregadas públicas da Administración galega que se acollen a estas fórmulas, que se puxeron en marcha en 2014 e que van gañando seguidoras ano tras ano. 

Certo é que desas cifras a maior parte corresponde a persoal que decide flexibilizar a súa xornada laboral. O teletraballo non está tan estendido entre o cadro de persoal da Administración galega, xa que en 2018 os funcionarios acollidos a esta modalidade non superaban os 300. De feito, a oferta da Xunta ten as súas limitacións, xa que só se pode solicitar nos casos que a natureza do emprego o permita (asesoras, informáticas, corpos de inspección e tradutoras, entre outras) e como máximo durante tres xornadas á semana. 

Vía: https://www.nosdiario.gal