“Estamos devolvendo o marisco ao mar”: mariscadoras e confrarías piden á Xunta que suspenda a actividades

Caída nas vendas e consellos de seguridade aconsellan paralizar a extracción.

Varias confrarías da Ría de Arousa pedirán esta segunda feira á Consellaría de Mar que paralice a extracción marisqueira, tanto a pé como a flote. Unha medida que xa solicitaran a semana pasada mariscadoras do sur de Galiza e que cada vez máis confrarías valoran como a acaída.

Pídenllo á Xunta ao ser esta quen ten as competencias exclusivas en marisqueo e para que as profesionais (case 4.000 na Galiza na modalidade a pé) poidan recibir axudas.

A situación, recoñecen no sector, é preocupante. O feche da hostelaría polo coronavirus saca ao marisqueo un cliente crucial. “Era o que compraba o produto bo e de maior prezo, ese non o van comprar os fogares tal e como está a cousa”, recoñecen.

Constatan, ademais, que hai unha caída nas vendas en lonxa. Hai raleiros (mariscadoras a pé) que recoñecen que ante a ausencia de vendas ou o baixismo prezo do produto optaron por “devolver o marisco ao mar”, perdendo así a xornada de traballo.

E a isto engaden a cuestión de seguridade: insisten en que realizar estas tarefas non é o máis acañido cando as recomendacións son de confinamento seguir coa actividade é un “risco”.

O presidente das confrarías galegas e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, avisa da situación “complicada”. “O sector moito máis non vai resistir”, sentenza.

A modo de exemplo, lamenta que “baixaron moitísimo os prezos” no “peixe que máis se come nas casas” . Apunta que se esperaba unha caída “importante” en especies máis vinculadas á restauración como sargo, linguado ou rodaballo, pero “non se contaba” a baixada das que teñen un consumo máis habitual.

En canto ao marisqueo, a situación é aínda peor, pois especies como o percebe, ameixas ou ourizo están “paradas” en rías enteiras como a de Arousa “ao non haber” nin restaurantes nin vodas nin eventos, resalta o presidente da Federación Galega de Confrarías.

“O marisqueo xa nada, é inviábel; pero na pesca se saes á mar e non cobres gastos é mellor amarrar o barco e quedar en terra”, reflexiona. Con todo, subliña que se está mantendo o abastecemento de supermercados.

A Asociación Mulleres do Mar de Arousa e a confraría de Vilanova de Arousa informan de que as mariscadoras a pé da ría “están a optar por quedar en casa”, a pesar de ter permiso para manter a súa actividade, debido ao descenso “considerábel” da demanda.

Vía: https://www.nosdiario.gal