Evitar os lumes e o abandono no medio rural, obxectivo da nova lei

O Consello Forestal de Galicia coñeceu os detalles desta normativa que loita pola recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida nas aldeas // A Xunta immpulsará o Banco de Terras e o de Explotacións

O Consello Forestal de Galicia coñeceu onte da man de Consellería de Medio Rural todos os detalles da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. O conselleiro, José González, encargouse de explicar os contidos desta norma, que iniciará proximamente a súa tramitación, e que a Xunta está presentando aos diferentes sectores económicos e sociais que se van ver beneficiados tras a súa entrada en vigor.

José González destacou que dita norma xorde “como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e recolle 22 recomendacións do mesmo”. Polo tanto, engadiu, “está moi vinculada a este sector, pero non unicamente a el, xa que abrangue as terras con vocación agraria, forestal e gandeira, é dicir, os tres usos”, apuntou.

O seu obxectivo, tal e como indicou José González, é loitar contra o abandono e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, “ao tempo que se procura anticiparse aos lumes e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural”. Engadiu asemade que esta facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e ademais promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras.

O reglamento basearase, fundamentalmente, no uso e potenciación de ferramentas voluntarias coma os polígonos agroforestais, os proxectos de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o Banco de Explotacións. Este último servirá para facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian deixar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co fin de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman.

Ademais tamén se trataron outros asuntos, entre eles o inicio do proceso de revisión doutra lei importante para o sector, como é a futura norma sobre prevención e defensa contra incendios forestais. Outro tema abordado no seo do Consello Forestal foi o das axudas ao sector e neste sentido o titular de Medio Rural destacou que ao longo dos próximos dous meses vanse convocar subvencións por importe de preto de 29 millón. Entre estas achegas salientan as dedicadas a fomentar a creación de novas superficies ou as axudas para accións silvícolas.

{ A OLLADA}

Terreos sen dono

XA se están a dar a coñecer dende Medio Rural todos os detalles sobre esta futura lei, que sen dúbida, vai ser a norma estrela da lexislatura no seu tramo final. Dende logo, é de agradecer que por fin se tramite un reglamento que vai poñer en valor moitas parcelas que están abandonadas por ser de donos descoñecidos ou que nunca se preocuparon de coidalas. Todos estas fincas chegarán ao Banco de Terras, que servirá para dotar de seguridade xurídica aos intercambios de terras entre os propietarios. A futura norma será en definitiva clave para anticiparse aos lumes e para loitar tamén por unha mellor calidade de vida no rural.

O PROTAGONISTA

José González

Conselleiro de Medio Rural “TRABALLAMOS NOUTROS DECRETOS”

A orde do día do Consello Forestal completouse cun informe sobre o desenvolvemento lexislativo da Lei de montes de Galicia, mediante disposicións que se están a tramitar e entre as que destacan o decreto polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Nesta liña, José González, trasladou que se está a traballar “noutro decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e doutro tipo, como poden ser os de pastos, micolóxicos ou de resinas”, ou na norma pola que se modificará a organización e o funcionamento do Consello Forestal, co fin de adaptalo ás políticas de boa gobernanza e transparencia que marca a Unión Europea. Finalmente, o conselleiro avanzou que outro decreto en elaboración regulará os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para impulsar estes terreos.

VIA: https://www.elcorreogallego.es