A alza en bens de consumo e de equipo non logran compensar o forte descenso enerxético nun ano con crise en Alcoa e Ferroatlántica.
Galicia pechou o ano 2019 como terceira comunidade na que máis baixou a produción industrial (-3,9%), só superada en negativo por Illas Baleares (-6,4%) e Principado de Asturias (-4,2%). Esta situación viuse acusada pola caída na produción de enerxía, que tivo un descenso medio o pasado ano do 21,9%.
Así, aínda que no último mes do pasado exercicio a Comunidade galega rexistrou un incremento do 5,1%, non serviu para corrixir a media anual que terminou en negativo, segundo se desprende dos datos que publicou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Tras experimentar un repunte en novembro cunha alza na produción industrial fronte ao mesmo mes de 2018 (ao incrementarse un 4,2%), rompendo tres meses consecutivos de caídas interanuais –agosto, setembro e outubro–, o balance do ano 2019 péchase en negativo.
A forte caída da produción industrial (-21,9%) e o descenso na produción de bens intermedios (-3,2%), non puido ser paliada pola produción de bens de consumo (6%), bens de consumo duradeiro (3,6), bens de consumo non duradeiro (6,2) e bens de equipo (5).
Hai que ter en conta a crise da industria electrointesiva –a que máis enerxía consome– e, por exemplo, no mes de abril caeu a produción de enerxía un 32,5% en pleno conflito de Alcoa e Ferroatlántica con produción en mínimos desde xaneiro dese ano.