A economía galega crece por baixo do 2% e confirma a súa desaceleración

O avance do PIB de Galicia por baixo desa cifra non ocorría desde 2014.

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia creceu un 1,8% en 2019 en comparación co ano anterior, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Este incremento coincide coa estimación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizada a principios de febreiro, na que figuraba que a economía española crecía ao mesmo ritmo que a galega (un 1,8%).

Este aumento do 1,8% da economía galega confirma a desaceleración en 2019 fronte ao 2,1% de aumento rexistrado no ano 2018.

De feito, o avance do PIB de Galicia por baixo do 2% non ocorría desde 2014 (+1,7%). Sumaba catro exercicios consecutivos por encima do 2%: 2015 (3,4%), 2016 (2,8%), 2017 (2,2%) e 2018 (2,1%).

Con todo, a nivel intertrimestral existe unha alza do 0,5% no último trimestre do ano en Galicia, unha décima máis fronte ao 0,4% do tres trimestres anteriores.

No tocante ao emprego, hai un aumento do 0,9% en 2019 en Galicia, cun repunte liderado polas actividades inmobiliarias (+2,7%). Hai un avance en todos os sectores salvo en actividades financeiras e de seguros (-3%), así como en agricultura, gandaría e pesca (-1,2%).

Vía: http://www.galiciaconfidencial.com