Malestar no viño galego polos aranceis

Os aranceis que impuxo Donald Trump a produtos europeos como o viño están a prexudicar ao sector na Galiza. A medida temporal imposta en outubro continuará a partir de setembro se non se reverte unha vez coñecida a sentenza da Organización Mundial do Comercio sobre as axudas a Airbus. 

Stand de promoción da DO Rías Baixas (DO Rías Baixas)

A decisión da Oficina do Representante Comercial de Estados Unidos de América (EUA) de manter os aranceis que impuxo á Unión Europea (UE) de 25% para algúns produtos como o viño non sentou nada ben no sector na Galiza. No ano 2019, segundo os datos do Ministerio de Industria, o sector galego do viño exportou 13,9 millóns de euros a EUA. No que vai de ano (xaneiro-maio) as exportacións deste sector suman un total de 6 millóns de euros.

En opinión do secretario xeral do Consello Regulador da DO Ría Baixas, Ramón Huidobro, “calquera noticia que non sexa a eliminación dos aranceis en EUA é negativa para nós” por ser “cargas impositivas que dificultan a capacidade de exportación ao conxunto das adegas”. Huidobro indica a Nós Diario, con todo, que “nos consta que desde os Ministerios de Agricultura e Comercio, así como desde a UE, están a realizarse xestións ao máis alto nivel para tratar de reconducir a situación”.

Alén diso, Huidobro considera fundamental que “a OMC apresure a sentenza na causa aberta que ten contra Boing xa que vai permitir buscar unha solución pactada”. Neste sentido, indica que “non parece lóxico que algo relacionado co sector aeronáutico acabe prexudicando ao elo máis débil da cadea, o sector agrolimentario”.

A Xunta pide ao Goberno español contundencia

A Consellaría de Medio Rural sinala a Nós Diario que xa lle trasladou ao Goberno español a necesidade de que fose “especialmente belixerante na UE para reverter a imposición de aranceis por parte dos EUA”. Desde a Xunta rexeitan a decisión de Trump en manter eses aranceis e din confiar “en que o Goberno central, xunto coa Unión Europea e os estados membros do Consorcio, poidan reverter a actual dinámica nas relacións comerciais”.

As adegas asumen os aranceis

Desde a da Asociación Galega de Viticultura (AGV-Fruga) notaron o peso dos aranceis todos estes meses. Roberto Rivas, o seu presidente, explica a Nós Diario que as adegas “seguimos operando cos EUA e que continúen é unha mala noticia”, asegura, “agardo que non aumenten”, engade. Entende que “a guerra comercial está a afectar ao sector primario” coa única saída, polo de agora, de “negociar coa distribución e case sempre asumindo a propia adega os aranceis”. Esta situación repercútelles moito na baixada de prezos cuns ingresos menores. 

Na súa adega, Viña Moraima, comezaron as exportacións a EUA en 2012 e agora mesmo 70% da produción vai para o mercado internacional. “EUA foi perdendo peso en favor de México no noso caso, tivemos esa sorte”, asegura, “mais os importadores fan cada vez menos pedidos”, explica. Desde AGV-Fruga botan en falta máis implicación por parte das administracións, nomeadamente da galega. “Non vimos estratexia algunha, da Xunta só temos boas palabras e poucos feitos”, sentencia.

Vía: https://www.nosdiario.gal