Galiza é o territorio con máis empresas que superan os límites de sinistralidade laboral

Perto de medio cento de sociedades figuran nesta clasificación da Seguridade Social. Son 45, 9 máis que no exercicio anterior.

Na Galiza hai medio cento de empresas que superan os límites de sinistralidade, unha cifra que sitúa o noso país como líder no Estado español en sociedades que superan ese limiar. Así o recolle un informe de CCOO sobre sinistralidade laboral con datos correspondentes a 2018.

A Seguridade Social conta co sistema Cepross, un ‘servizo de alertas’ que ofrece a posibilidade de detectar aquelas empresas que superaron os límites de alerta establecidos. “É dicir, localiza posíbeis «focos de risco» de EEPP (enfermidades profesionais), para facilitar unha maior eficiencia nas accións preventivas”. Coa fin de detectar aquelas empresas que deben de ser obxecto de control para incrementar as medidas de prevención, definíronse límites de sinistralidade específicos por grupos de enfermidade profesional que establecen o número de traballadores e traballadoras afectadas pola mesa enfermidade profesional a partir do cal consideráse que esa empresa reborda o límite de sinistralidade.

Para elaborar eses límites específicos téñense en conta toda unha serie de variábeis, desde o tamaño da empresa á distribución de EEPP pro sectores, pasando por diferentes especificidades.

45 empresas que na Galiza superaron os límites de sinistralidade representan 18 % das detectadas no conxunto do Estado español

As 45 empresas que na Galiza superaron os límites de sinistralidade representan 18 % das detectadas no conxunto do Estado español. Só Madrid, con 42, achégase aos niveis da Galiza. Esas 45 sociedades son 9 máis das que había no exercicio anterior.

Alertas en 56 enfermidades profesionais

“As alertas nesas 45 empresas na Galiza producíronse en 56 EEPP. Polo tanto, existen empresas onde as alertas detectaron máis dunha enfermidade profesional”, explican no documento sindical.

O maior número de empresas que superaron os límites encádrase nas actividade económicas de corte, tallado e acabado da pedra (27 empresas) e actividades hospitalarias (8). Na categoría de enfermidades profesionais causadas por inhalación de substancias e axentes non comprendidos noutros apartados, das 45 empresas que no Estado exceden os límites, 28 están na Galiza.

No primeiro semestre de 2019, eran 15 as empresas galegas (dun total de 133 no Estado) as que superaban ese límite. Só Catalunya e Madrid tiñan máis empresas nesa claisificación.

Incumprimentos

Máis da metade das empresas incumpren a obriga de investigar os accidentes laborais, denunciaba o sindicato CIG nun documento Gabinete Técnico de Saúde Laboral. 300.000 accidentes de traballo fican anualmente sen investigar no Estado, sen que iso implique ningún tipo de sanción para a maioría das empresas que incumpren a legalidade neste campo. 

O sindicato tomaba datos da Enquisa Anual Laboral (EAL) realizada polo Ministerio de Traballo, no ano 2016, que revelou que só 34,4% das empresas españolas investigaba os accidentes laborais. “Isto é, que 65,6% das empresas non cumpren coa súa obriga legal de investigar os accidentes. Se temos en conta que os accidentes non investigados rondan 60%”, indica.

Vía: https://www.nosdiario.gal